NEOLÍTICO

Aparece na Cova de Eirós un vaso cerámico neolítico inédito no norte peninsular

Aparece na Cova de Eirós un vaso cerámico neolítico inédito no norte peninsular
Restos do vaso
Restos do vaso  

Un recipiente cerámico parcialmente conservado foi atopado por expertos nas escavacións da Cova de Eirós. A súa forma e decoración apuntan a un tipo concreto de cerámica neolítica empregada polas primeiras comunidades agrogandeiras e do que até o de agora non se atoparan mostras no norte peninsular.


As escavacións realizadas na Cova de Eirós, en Triacastela, sacaron á luz un vaso de cerámica parcialmente conservado. A súa forma e decoración encádrano nun tipo de cerámica neolítica que empregaban as primeiras comunidades agrícolas e gandeiras, o que xunto as súas características fano único polo de agora no norte peninsular.

Os investigadores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera presentaron o descubrimento ante os medios de comunicación, nun acto en que a Xunta de Galiza e Universidade de Santiago de Compostela asinaron un convenio para continuar as escavacións na Cova de Eirós.

A forma de botella que ten o vaso descuberto e máis a súa decoración profusa e realizada con cuncha de berberecho son sinais que vinculan a peza á cerámica cardial, que é típica dos primeiros grupos neolíticos do sur da Península Ibérica. Por iso, o descubrimento é inédito na Galiza e en todo o norte peninsular. Os restos máis semellantes e achegados xeograficamente están na comarca do río Mondego, en Portugal a máis de 300 quilómetros da Cova de Eirós, feito que abre unha liña de investigación sobre os intercambios de Galiza con esta zona portuguesa.

O recipiente foi empregado para o procesado de carne de ruminantes e vexetais, tal e como sinala o estudo realizado sobre esta cerámica, autoría de Miriam Cubas da Universidade de York, para a publicación Traballos de Prehistoria.

Desde o ano 2008 lévanse efectuando as actuacións na Cova de Eirós, tanto na entrada da cova, onde se localizaron restos de ocupacións paleolíticas, como nas paredes do interior, onde se descubriron pinturas e gravados dun valor único e excepcional na Galiza.