Apelidos con nome de muller

Apelidos con nome de muller

Xoán Falcón foi pai de Constanza Falcoa. Esa variación na forma do apelido para o facer concordar co xénero de quen o portaba, neste caso unha muller, parece que foi algo, se non frecuente, polo menos non estraño na Galiza nos séculos XVI e XVII, e mesmo anteriores.



Na actualidade, a función primordial dos apelidos é identificarnos en relación á nosa ascendencia. Mais non sempre foi así, nin é igual en todas as culturas. Na Galiza ademais de nos situar na liña xenealóxica parece que houbo algún momento en que tamén indicaba marca de xénero, polo menos aqueles apelidos que, pola súa orixe, admitían a posibilidade de teren unha forma masculina e outra feminina. Hoxe son ben coñecidas formas dobres como Carreiro-Carreira, Regueiro-Regueira aplicadas, indistintamente, a homes e mulleres e seguen vivas outras parellas como Calvo-Calva embora esta última con menor frecuencia. Mais entremos en materia.

Case por casualidade chegou ás miñas mans o número un do Boletín da Academia Galega, de 20 de maio de 1906. Nese número reflexiona Manuel Murguía sobre a presenza, en documentos do século XVI e XVII, de numerosos apelidos que variaban a forma segundo acompañasen un nome de home ou de muller. Dito de outra forma: apelidos con flexión de xénero, con función de verdadeiro adxectivo. E cita, entre outros, Ricoy-Ricoa, Falcón-Falcoa, Calvo-Calva ou Salgado-Salgada que acompañarían, respectivamente, un nome de home e outro de muller. Pregúntase Murguía a que se debe esta singularidade que permite que, nas súas palabras, “os apelidos masculinos se tornen en femininos, cando son levados por mulleres” non escapando da regra “nin os máis difíceis para mudar de xénero”  e apunta, tamén,  que esta práctica nada ten a ver con outros hábitos que permiten que, por exemplo, en 1687 “á filla de un tal Parladoyro chamaban a Parladoira”. A pesquisa de Murguía céntrase en documentos do Arquivo de Galiza e nos séculos XVI e XVII o que o leva a perguntarse se con anterioridade tamén estaría documentada esta práctica e a afirmar que “cando menos as mulleres galegas dos séculos XVI e XVII facían femininos os apelidos masculinos que debían levar”.

Reflexiona Manuel Murguía sobre a presenza, en documentos do século XVI e XVII, de numerosos apelidos que variaban a forma segundo acompañasen un nome de home ou de muller.

Non só as clases baixas

Segundo Murguía esta práctica de “feminizar” o apelido debía proceder de antigo pois, sendo poucos os preitos do século XVI que se conservan no Arquivo “dan un continxente de apelidos feitos femininos tan grande como os do século XVII”. Así mesmo, o feito de achar, nun documento do século XVI unha Dª. Beatriz Feyjoa representa para Murguía unha proba de que “non era só cousa de xente plebea, mais alcanzaba os nobres e os que tiñan algo” por seren os que naquela época litigaban.

Aínda que Murguía non aporta o contexto en que se dan eses apelidos é fácil rastrexar hoxe na documentación dixitalizada en diferentes arquivos probas máis que evidentes do que el di. Asi, por exemplo, en 1365, nos Foros municipais de Santiago, editados por López Ferreiro, achamos a Martin Romeu et de sua moller Tareya eans falcoa” comprando “dous casares con huum paaço” e, case cen anos despois, en 1457, no Libro de notas de Álvaro Pérez , topamos cunha filla de Johán Falcõ, designando, a filla, como súas herdeiras universais a súas irmás Costança Falcoa e María Falcoa, o que viña confirmar a pergunta de Murguía,  que, polo menos dous séculos antes, xa se documentaba esta práctica.

Calva, Patiña, Ricoa e Salgada

O apelido Calvo é frecuente en documentos dos século XIII (Martin Calvo, Munio Calvo)  mais no século XV Calva, como apelido, é tamén forma moi habitual entre as mulleres:

Sabeam todos que eu Maria Calva moller de Pero Fernandes regateyro morador en a villa de Pontevedra” ou “Tareysa Calva myna sobrina … Rui de Tabeiroos e sua moller Tareisa Calva

Un texto de 1441, recollido en Vida e fala dos devanceiros, cóntanos como “ a quatro dias de abril dormío por força et contra dereito con María Patiña, por engano, e levou Tareija Nunes á sua casa, et des que lle çarrou a porta da rúa et que os ençarrou anbos en sua casa, de Tereija Nunes, que está aos Fornos, et que lle derrubou as toucas e que a deitou eno tarreo, et que a non quiso leixar ata que lle jurou que fose dormir con él a outra casa” mentres que, no mesmo ano, e no mesmo libro, achamos un Nuno Patiño como notario en Compostela. Patiño e Patiña convivindo.

No censo de Redondela de 1691 achamos unha Catalina Ricoa e no catastro de Ensenada, tamén para Redondela Luisa Ricoa. Por outra parte, entre as antecesoras, por liña materna, de Ramón María Aller Ulloa figura  Inés Salgada Gundín.

No século XVIII xa non se observa esta “concordancia” entre nome e apelido e na actualidade moitos apelidos teñen unha forma masculina e outra feminina.

No século XVIII xa non se observa esta “concordancia” entre nome e apelido e na actualidade moitos apelidos teñen unha forma masculina e outra feminina, completamente lexicalizadas, de xeito que ao lado de un Luís Regueiro podemos achar unha María Regueira e xunto a un Pedro Carreira unha Sara Carreiro. Mais parece que nalgún momento da nosa Historia, antes do século XVIII, uns poucos apelidos ían unidos a unha certa marca de xénero.

Murguía facíase certas perguntas para as que non achaba resposta. Eu teño moitas menos respostas das que el podía dar. Mais nun momento en que a nosa identificación social xa se reduce a un número, e cada vez somos máis NIF e menos persoa, "curiosidades" como as aquí vistas poderían servir para, polo menos, reflexionar -hoxe que é xornada de reflexión- sobre como se construíu a nosa identidade nacional, sobre como o sistema nolo conta e, xa de paso, sobre a necesidade de desvelarmos o noso pasado para mellor construírmos o futuro. 

Escribiu Carvalho Calero, “Género e sexo nom sempre da mam vam, pois umha cousa é a gramática e outro a anatomía. Feliz dicotomía! Pois parece que, nalgún momento, na Galiza anatomía e gramática si ían xuntas.