Arquivada unha das querelas dos Franco contra Babío: o xuíz nega aos netos a “lexitimación” para querelarse

Arquivada unha das querelas dos Franco contra Babío: o xuíz nega aos netos a “lexitimación” para querelarse
Carlos Babío.
Carlos Babío.  
Despois das últimas decisións xudiciais sobre o Val dos Caídos e Meirás, a resolución é o terceiro golpe en menos dunha semana contra a batalla xudicial na que os Franco converteron a controvertida defensa do ditador.

O Xulgado de Instrución Número 4 de Alcobendas (Madrid) vén de arquivar unha querela da Familia Franco contra o investigador Carlos Babío por inxurias a Franco ao considerar que os querelantes carecen “de lexitimación activa” para interpoñer a demanda

A resolución tamén libera de toda responsabilidade a empresa Atresmedia –que emitiu o programa Los papeles secretos de Franco en novembro de 2018 no que se verteron as afirmacións denunciadas como inxurias–, dado que interpreta que tampouco neste caso cabe a vía penal contra unha sociedade mercantil non poden constituírse como “autoras dun delito contra o honor tal e como pretende a parte querelante”.

O texto, ao que tivo acceso Sermos Galiza, explica que a non admisión a trámite da querela baséase en que durante o programa “non se recolle nin un só reproche nin unha soa crítica, menos aínda comentario insultante o vexatorio contra eles” e “tampouco se fai imputación algunha directa de feitos a eles mesmos”.

O xuíz conclúe: “Este instrutor descoñece cal pode ser o obxectivo da querela penal, pero sen dúbida carece de fundamento”. Polo tanto, decreta o arquivo da querela “por falta de lexitimación activas dos querelantes (nin) terse presentado poder especial para querelarse”.

Contra esta resolución, os Franco poderán apelar no mesmo Xulgado. Pero a sentenza é o terceiro golpe en menos dunha semana contra a batalla xudicial na que os Franco converteron a controvertida defensa do ditador.

Outra querela pendente

Carlos Babío está aínda pendente dos trámites que se seguen noutro xulgado de Madrid por outra querela, a primeira que se presentou, da Familia Franco contra el e contra Mediaset, por motivos semellantes, neste caso trala emisión dun programa do espazo En el punto de mira. Houbo dous actos de conciliación aos que os denunciados non se presentaron.

A resolución feita pública hoxe establece límites en canto a lexitimidade para emprender unha querela. En maio pasado, un xulgado de Madrid condenou a Teresa Rodríguez, a líder andaluza de Podemos, a pagar unha multa de 5.000 euros por vulnerar o dereito ao honor do exministro franquista José Utrera Molina, falecido en 2017. Os querelantes neste caso eran os fillos de Utrera Molina. E ademais a xuíz determinou a prioridade do dereito ao honor por riba da liberdade de expresión.