Arte e escritura na Galiza medieval: unha crítica á ficción histórica españolista

Arte e escritura na Galiza medieval: unha crítica á ficción histórica españolista
Santalla de Bóveda, construción do século IV, onde o arco de ferradura foi empregado, por primeira vez, como solución arquitectónica.
Santalla de Bóveda, construción do século IV, onde o arco de ferradura foi empregado, por primeira vez, como solución arquitectónica.  
Arte e escritura na Galiza medieval, o último libro de Anselmo López Carreira, 

Estamos diante dun traballo chave para explicar as manifestacións artísticas da Galiza altomedival. A consideración da nosa produción cultural como unha realidade marxinal e dependente é consecuencia dun discurso historiográfico que nega a existencia do reino de Galiza. Arte e escritura na Galiza medieval, o último libro de Anselmo López Carreira, publicado por Edicións Xerais,  impugna todo isto.

O medievalista vigués, ligado a Ourense e afincado no Morrazo, volve ao Reino da Galiza coa intención de ofrecernos un modelo analítico alternativo, ao formulado desde a oficialidade. Anselmo López Carreira, autor de volumes tan decisivos como O reino medieval de Galiza, impugna , nesta ocasión, o canon historiográfico dominante, afirma a existencia do Reino da Galiza como  entidade política central no espazo cristián peninsular, e formula unha nova interpretación e categorización das expresións culturais da alta Idade Media.

A invención do reino de Asturias

A invención do chamado reino de Asturias é unha operación ideolóxica impulsada pola historiografía do século XIX, continuada polos seus epígonos do XX, co obxectivo de construír unha realidade política de  carácter autóctono, heredeira da monarquía visigótica, nai da castelá e leonesa e  finalmente da española. A súa formulación asociase á necesidade de articular un discurso de acompañamento, comprometido coa construción dunha identidade española única, no contexto de conformación do estado unitario, até o punto de ser nese momento, estamos da segunda metade do século XIX, cando o espazo político e territorial coñecido, nas fontes clásicas e medievais, por Galiza, pasa a ser designado como  Asturias.

A existencia do reino de Galiza obriga a unha nova interpretación das expresións culturais da alta Idade Media

Os tópicos historiográficos nas expresións culturais

Os tópicos historiográficos determinan a interpretación da produción cultural. Segundo López Carreira, “ a invención por parte dos medievalistas dun marco histórico chamado reino de Asturias transfire esa noción aos historiadores da arte como referente político e territorial, e eles en consecuencia acuñan o de arte asturiana, que a súa vez engrosa o arsenal dos medievalistas”. Así, atendendo a esta lóxica, unha serie de elementos decorativos, como certo tipo arcos e bóvedas, deseños de plantas, cordóns ou cruces, comúns ao conxunto da tradición cultural  europea e mediterránea, son presentados como aspectos  orixinais á formación social asturiana.

A verdade tras os arcos de ferradura

As dúas tipoloxías do arco de ferradura son tradicionalmente coñecidas como califal ou visigótico. A primeira, cunha ferradura moi marcada e completa, é especificamente musulmán, a segunda, presente nos antigos edificios cristiáns, significa un arco de ferradura parcial e menos caracterizado. Porén, a existencia destas últimas en Galiza é anterior á articulación da monarquía visigótica, aparecendo xa en diversas inscricións  na citania de Briteiros  e  sendo utilizada, por primeira vez, como solución arquitectónica na península, na igrexa, do século IV, de Santalla de Bóveda.

Neste sentido, López Carreira, considera que “o arco de ferradura constitúe  un elemento construtivo e ornamental antiquísimo en Galiza, cun uso ininterrompido desde polo menos a época castrexa e romana até o século XI, cando a severa transformación feudal impulsada desde Roma e Franza-Borgoña introduce, en multiples aspectos, outras normas que desprazan as anteriores”

A ficción das  cruces asturianas

Unha parte da crítica da arte, deu en considerar como especificamente asturiana unha forma de representación da cruz, até o punto de ser declarada como escudo do principado de Asturias e elevada á bandeira dese territorio. Porén, os estudos máis rigorosos, fundamentalmente realizados fóra da área peninsular, sinalan as súas semellanzas coas merovinxias e bizantinas, fixando unha asociación co reino suevo, entidade política aliada ao imperio de oriente.

Así, por exemplo, Helmunt Schlunk, nun estudo sobre a Cruz dos Anxos, destaca o seu parecido con outras cruces anteriores, como a de Desiderio, labrada en Lombardía, a de Aguilulfo, da catedral de Monza, ou a de Moisés, atopada no Sinaí. Outro tanto sinalou Puig i Cadafalch, certificando a dobre similitude bizantina e merovinxia, significando, na mesma liña, W. F. Bolbach, a súa relación, coas cruces italianas e mediterráneas e tamén coas carolinxias e merovinxias.

A falsidade da letra visigótica

O discurso paleográfico hexemónico insiste en designar como “letra visigótica” a unhas grafías anteriores ao século VIII, momento no que o reino, de onde toma o nome xa non existía. Malia da evidencia do erro, motivo polo cal unha parte dos especialistas falan da “mal chamada letra visigótica”, os sectores da oficialidade académica persisten  en manter a denominación, situando López Carreira, “o argumento final desta resistencia extrema (en impecábel tradición numantina) parece residir (é difícil non percibilo) na carga de españolidade que se atribúe a todo o visigodo”.

A denominada “letra visigótica” é unha caligrafía altomedieval, heredeira directa da romana, con simples variedade de detalle respecto á súa sucesora e entre uns lugares e outros, seguramente características dos escritorios concretos, onde se redactaron os documentos. Así as cousas, en palabras de López Carreira “non existe ningún tipo de letra especificamente visigoda, posto que no soar visigodo a letra que se designou desta maneira era descoñecida no século VIII, e a relación só se fundamente no simple desexo de reforzar a existencia dunha ficticia continuidade histórica entre o visigodo e o astur- leonés”.