Arturo Noguerol, o asasinato do xerente de Nós

Arturo Noguerol, o asasinato do xerente de Nós

Cando o vindeiro ano celebremos o centenario da revista Nós lembraremos tamén os seus colaboradores asasinados polo fascismo. E no Serantes ferrolán deixaremos un cravo vermello na foxa común onde ainda protesta Arturo Noguerol Buxán.


Foi, en palabras do seu amigo e camarada Ramón Otero Pedrayo, “no Galeguismo o arbitrista, o financeiro, o home de trazas e recursos precisos para sacar adiante unhas eleccións, a edición dun libro, a carreira dun rapás de proveito”. Incorporado á loita nacionalista á volta de 1917, canda Risco, Otero ou Cuevillas, asiste á Asemblea de Lugo en 1918, que cualificará como “o feito político social máis transcendental da nosa terra”, aparecendo entre os asinantes do Manifesto Nacionalista. Acode aos cónclaves  de Santiago, Vigo e Monforte, deixando nas páxinas da prensa a súa opinión sobre os temas a debate e defendendo o carácter accidental do nacionalismo en relación coa forma de goberno e a cuestión relixiosa.

Unha vez consumada a escisión das Irmandades, participa da fundación da Irmandade Nacionalista Galega, sendo elixido o seu delegado en Ourense, precisamente onde este grupo contaba con máis forza, facendo, ao tempo parte da equipa dirixente con Vicente Risco, Lousada Diéguez, Blanco Torres, López Cuevillas e Vázquez Monxardín. A súa presenza pública será constante nestes primeiros anos do nacionalismo, aparecendo ao lado de Cambó na súa visita a Galiza, tomando a palabra en actos agraristas, participando na campaña electoral de 1918, onde comezaba os seus actos explicando por que falaba en galego, ou pronunciando conferencias, como a ditada en Vigo en 1922 con motivo da presentación do álbum Nós de Castelao.

O 12 de setembro de 1936 era asasinado polo fascismo abandonado o seu corpo nunha fosa común do cemiterio ferrolán de Serantes.

O xerente da revista Nós

O nome de Arturo Noguerol Buxán estará para sempre asociado aos máis importantes proxectos do nacionalismo. Impulsor de múltiples iniciativas culturais e autor dunha abondosa obra xornalística, destaca o seu papel central na aparición da revista Nós en 1920, da que foi xerente, deseñador económico, e mesmo caseiro, xa que a redacción e a administración estarían domiciliadas no seu bufete da Rúa Pai Feixó.

“O idioma é o derradeiro resto da independencia dos pobos vencidos”

Os seus artigos neste publicación representan unhas achegas doutrinais, particularmente no ámbito económico, de primeira orde para o nacionalismo, destacando as súas análises sobre a realidade laboral, onde defende a xornada laboral de 8 horas, a pensión por desemprego, enfermidade, incapacidade e vellez, denunciando que non hai solución ao problema social sen emancipación da clase obreira. Na mesma liña merecen destaque os seus traballos sobre a política social, arancelaria, laboral ou a propiedade, tema ao que lle dedicou o seu único libro Parolas sobre a propiedade, destacando tamén as súas análises sobre a lingua porque “os pobos vencidos sempre defenderon o seu idioma como derradeiro resto da súa independencia”.

“Só toma en serio o galeguismo”

Como escribiu Otero Pedrayo na necrolóxica que lle dedicou n´O libro dos amigos “fora do galeguismo Arturo Noguerol non tomaba ren en serio comezando pola súa profesión”. Licenciado en dereito pola Universidade de Salamanca, avogado en Ourense e secretario de concello por Avión, Pereiro de Aguiar, Rianxo e finalmente en Serantes, actualmente anexado a Ferrol, as súas ocupacións profesionais desvinculárono organicamente do nacionalismo sen que isto significase ningunha renuncia ao proxecto político que colaborou a crear.

Malia a todo deu conta do seu compromiso político ao longo da década dos anos trinta en diversos artigos de prensa, estando sempre presenta o estilo e as preocupacións, daquel mozo que en xuño de 1917 nas  paxinas de La Centuria, asinou o artigo La patria, considerado como o primeiro testemuño público de compromiso patriótico do grupo ourensán que rexería durante anos no nacionalismo. Firme nas súas lealdades e convicións, será detido pola súa participación nas xornadas revolucionarias de outubro de 1934, mantendo aberta a colaboración co Partido Galeguista de Ferrol, como sinalaría tempo despois Carvalho Calero, até o seu asasinato polo fascismo o 12 de setembro de 1936.