As mártires de Paramos

As mártires de Paramos
[Imaxe: SG] Fosa común a carón da igrexa de Paramos.
[Imaxe: SG] Fosa común a carón da igrexa de Paramos.  

O 5 de marzo de 1949 eran asasinadas nun enfrontamento coas forzas da orde as guerrilleiras galegas Carme Temprano e Manuela Teiga e os guerrilleiros galegos Xosé María Castelo, Vicente Peña e Manuel Pena. A recuperación o pasado ano dos cadáveres de catro deles, soterrados nunha fosa común a carón da igrexa parroquial de Paramos, no Val do Dubra, sitúa outra vez de actualidade estes feitos. Achegamos nova información para botar luz nun dos fitos da oposición armada ao franquismo na Galiza. Eis un extracto da peza publicada ao respecto no número 338 de Sermos Galiza.


mini6O destacamento Manuel Bello, da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro, seguindo orientacións da dirección da organización, viuse obrigado a desprazarse á comarca da Barcala, fuxindo da represión existente nas zonas onde operaba habitualmente. O grupo estaba formado naquela altura por Xosé María Castelo Mosquera “Doutor ou Casteliño”, natural de Oleiros e xefe do destacamento; Vicente Peña Terrasa “Pedro Borrás”, antigo suboficial da armada e comisario político; Manuel Pena Camino “O Dios ou O Flores”, antigo responsábel militar do Eduardo Xaneiro e na clandestinidade desde xullo de 1936; Manuel Ramiro Souto, albanel de Culleredo morto nun enfrontamento armado en Mesía en 1952, e Carme Temprano Salorio, veciña de Oleiros e anteriormente integrante do grupo de Xoán Couto Sanjurjo “Simeón”. Os membros do comando formaban un colectivo con longa experiencia na loita guerrilleira, procedentes os máis deles do antigo destacamento Eive Carbón e cunha práctica militante destacada nas áreas coruñesas, mariñás e ferrolás.

O comando permaneceu agochado durante meses nunha casa propiedade de Manuela Teiga no lugar de Zas, parroquia de Aro, concello de Negreira. A longa estadía na vivenda, incumprindo todas as normas de seguridade que marcaba a clandestinidade, debeuse fundamentalmente á grave doenza sufrida por Carme Temprano a consecuencia dun aborto. Segundo se recolle nun informe elaborado por Francisco Rei Balbís “Moncho”, máximo responsábel da IV Agrupación, seguindo a información achegada polo membro do destacamento Manuel Ramiro Souto, “Carme Temprano, compañeira de Castelo, a consecuencia dun aborto feito con medicinas caseiras atopábase mal” até o punto de requirir a presenza dun médico. Ao tempo, o comando, dislocado á comarca da Barcala a finais de decembro de 1948, carecía dun coñecemento preciso da zona, sendo probábel que non contasen co tempo debido de dotarse dunha rede de enlaces e de casas de seguridade dabondo ampla.

Ás 8.30 horas da mañá do 5 de marzo de 1949 a vivenda propiedade de Carme Teiga Rojo aparece cercada por un amplo número de efectivos da Garda Civil. Os membros do comando, a maior parte deles xa curtidos en enfrontamentos armados coas forzas da orde, abriron fogo contra os axentes da benemérita, lanzando algunhas granadas que lles permitisen de xeito relativamente doado saltar o cordón policial. Porén, mentres fuxían da casa, acompañados de Manuela Teiga, unha sobriña da propietaria convertida en enlace e que decidiu pasar á clandestinidade para librase da represión, Carme Temprano foi malferida por un disparo, obrigando o seu propio compañeiro, Xosé María Castelo Mosquera, a quitarlle a vida. Carme Temprano, unha das grandes mulleres da guerrilla galega que xa fora ferida en agosto de 1948 nun combate en Abegondo coincidindo coa queima da casa do concello da localidade, será enterrada esa mesma tarde no cemiterio de Aro.

[Podes ler a información íntegra no número 338 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x