As outras velutinas

As outras velutinas
Sombreiro e traxe de medio loito feito de velutina. Fonte: Moda elegante ilustrada
Sombreiro e traxe de medio loito feito de velutina. Fonte: Moda elegante ilustrada  

Calquera de nós coñece hoxe a palabra velutina en referencia a ese insecto tamén chamado vespa asiática e iso malia a non aparecer nos dicionarios académicos, nin con este valor nin con outro.


Con todo, na prensa a palabra velutina é usada, na moda e na cosmética, desde o século XIX.

A Gaceta de Galicia, en novembro de 1889, ao falar da moda presenta unha “falda fourreas en velutina verde botella” facendo referencia á composición do tecido, semellante ao veludo. Con este significado a palabra procede do francés veloutine.

En xaneiro de 1894 El Regional de Lugo inclúe a velutina entre as teas adecuadas para confeccionar, no período de loito, a roupa da viúva: nos primeiros catro meses deberá levar vestido liso ou redondo de velutina, cachemira ou pano de Alep pasando a vestido de seda negra nos seis meses seguintes. 

E como debe ser o traxe de medio loito para señoritas? Pois han de levar vestido de pano amazona negro, chaqueta xastre, sombreiro de feltro e moita velutina.

Sombreiro de velutina 2

Mais hai aínda un outro valor para esta palabra. Aparece en Noticiero de Vigo de abril de 1905 que publica o folletín El testamento rojo, de Montepin. Aquí aparece unha muller que se encontra “correcta” para saír á rúa  logo de pasar unha lixeira nube de velutina pola súa face até conseguir unhas meixelas rosadas. 

Darse velutina chegou a ser unha expresión popular para indicar que algo de falso había nunha aparencia determinada. 
Son as outras velutinas.



x