Bargueiras, o fascista da Pastoriza que ensanguentou Fonsagrada

Bargueiras, o fascista da Pastoriza que ensanguentou Fonsagrada
Bargueiras, primeiro pola dereita, celebrando o premio dunha quiniela millonaria.
Bargueiras, primeiro pola dereita, celebrando o premio dunha quiniela millonaria.  

Soubemos del por Ana Cabana nas paxinas de La derrota de lo épico, ese libro maxistral que non pode ficar sen ler. Atopámolo de novo entre a documentación das causas militares que encubrían as andanzas dos fascistas polas terras da Fonsagrada. E chegamos a coñecelo, na hemeroteca do Diario de Burgos, mentres festexaba unha quiniela que o volveu millonario.

Estaba feito da mesma madeira que Os Canto de Muimenta, aqueles xornaleiros desclasados  sinalados polos seus como executores que perseguiron xentes de ben na Chaira, A Mariña e volvéronse contra Antonio Pollán e Ramón Anllo, labregos de fartura en cuxas casas mataron a fame.

Era da mesma feitura cun Divino Folgueiras, o xefe de milicias de Falanxe de Cospeito a facer mal sempre aos seus, ou cun Xosé López Fernández, de San Xiao de Mos en Castro de Rei, a mallar nos bos en Vilanova de Lourenzá e a asasinar na parroquia vermella de Arcillá a Hipólito Veiga Novo. E tamén de Anxo Gómez Iglesias, de Arcos en Outeiro de Rei, miliciano fascista a tempos, de Manuel Fole Torrón, carpinteiro de Goi en Castroverde e camisa vella entre a Chaira e Sarria ou do labrego de Goi Xosé Fole Cordero, a impoñer sancións, recadar multas e meter medo.

Un voluntario do terror fascista

Chamábase Xosé Bargueiras López e naceu en San Cosme de Piñeiros, A Pastoriza, á volta de 1911. Nos anos que antecederon ao golpe fascista de 1936 desenvolvíase como xastre nunha casa que non era de seu en Reigosa, buscando sempre a sombra dos poderosos e fallándolles aos que eran como el, até atopar acomodo na Falanxe da Pastoriza, dirixida por Baltasar Pérez “O Vinculeiro”, fillo de labregos de fartura, estudante de medicina en Santiago de Compostela, máximo responsábel dos fascistas  locais.

Os servizos prestados ao réxime convertéronse no ascensor social para Xosé Bargueiras

Segundo Ana Cabana, “O Vinculeiro” “dirixente da represión desde o seu posto no partido único, sinalando ás posíbeis vítimas, entre eles a un veciño co que mantiña malas relacións persoais”. Os primeiros días do alzamento militar, Bargueiras aparece como voluntario fascista formando parte das unidades militares que derrotan a resistencia popular en Ribadeo, A Pontenova, A Veiga ou Ibias

O asasinato de Antonio Álvarez Gómez.

A actuación de Bargueiras como represor ficou gravada na memoria das xentes de diversas comarcas de Lugo. Son numerosas as testemuñas que o vinculan ao asasinato de demócratas, á extorsión ou ao roubo, significándose pola súa precisión e por proceder das mesmas fontes fascistas, a recollida na Causa militar 1175/36 de Lugo.

Así, o 5 de outubro de 1936, na súa condición de xefe de patrullas da Falanxe de Ibias, á fronte dunha escuadra de paramilitares da que facían parte Cesáreo Fernández, Laurentino Valledor, Guillermo Barrero, Florentino Rodríguez Pérez, Severino Vila e Diego Lemos, dirixiu a detención en San Martiño de Suarna na Fonsagrada  de Xosé Valledor e de Antonio Álvarez Gómez, asasinando posteriormente a este último no lugar da Pena en Negueira de Múñiz. A este crime, seguiríanlle varios delitos da mesma natureza n´A Terra Chá, así como ilícitos de carácter económico, destacando a venda dos obxectos persoais dalgunhas das súas vítimas, como aconteceu co reloxo de Antonio Álvarez Gómez na feira de Castro.

Premiado polo franquismo.

Os servizos prestados ao réxime convertéronse no seu ascensor social. Ao igual que aconteceu con outros significados represores como “Toñito das Monxas” en Ribadeo, “O Lobo” en Mondoñedo, “ O Eirexalba “ en Sarria ou “O Cano” en Monforte de Lemos recolocados como números das policías locais, Bargueiras será recompensado polo franquismo como sarxento da garda municipal de Lugo, sinalándose durante longos anos polas prácticas arbitrarias, os abusos de poder e os tratos de favor na xestión das sancións de tráfico.

A vida non deixou de darlle alegrías, sendo premiado en decembro de 1965 cunha quiniela millonaria que serviu por reforzar a súa posición social naquel Lugo en branco e negro. Hai quen día que morreu só e avergoñado pero non é certo.