A batalla de Chavaga, 70 anos dun mito

A batalla de Chavaga, 70 anos dun mito
De esquerda a dereita, de arriba a abaixo: Guillermo Morán, Mario Morán, Evaristo Gónzález "Roces", Arcadio Rios e Abelardo Macías.
De esquerda a dereita, de arriba a abaixo: Guillermo Morán, Mario Morán, Evaristo Gónzález "Roces", Arcadio Rios e Abelardo Macías.  

O 20 de abril de 1949 un importante número de efectivos da Garda Civil toman ao asalto dúas vivendas que servían de puntos de apoio a membros da II Agrupación do Exército guerrilleiro de Galiza na localidade monfortina de Chavaga. A acción represiva do franquismo rematará coa morte dunha muller e cinco homes nunha actuación decisiva para o desmantelamento da oposición armada ao fascismo na Ribeira Sacra.


2.Chavaga.Foi un golpe decisivo que rematou por desmantelar a II Agrupación do Exército guerrilleiro de Galiza. A caída de Chavaga, en abril de 1949, veu precedida de dous importantes operativos represivos contra os membros destas unidades antifranquistas que provocarán un importante número de vítimas nas filas antifascistas.

O 24 de febreiro un grupo de sete guerrilleiros dislocouse á localidade estremeira de Ocero para manter unha cita cun enlace co fin de levar adiante un golpe económico. Porén, o antigo colaborador mudara en confidente, preparando coa Garda Civil unha emboscada que rematou coa vida de Afonso Rodríguez e Henrique Orozco, ficando feridos Francisco Martínez “O Quico” e Henrique Oviedo “O Chapa”.

Aínda non pasara un mes e tamén como resultado dunha infiltración, son cercados outro grupo de guerrilleiros o 17 de marzo de 1949 no lugar de Vilasinde, no concello da Veiga de Valcarce, iniciándose un combate cun operativo da contrapartida que finalizará coa morte de Abelardo Macías Fernández, Hilario Álvarez Méndez e Elpidia Morán Alonso “Maruxa”, conseguindo fuxir Oliveros Fernández Armada “Negrín” e Victorino Nieto Rodríguez.

A II agrupación do Exército guerrilleiro de Galiza aglutinaba os loitadores antifascistas que operaban nas áreas de Ourense, O Bierzo, A Cabreira e o sur de Lugo. A asemblea constituínte deste novo corpo das forzas rebeldes que respondía ás orientacións do PCE celebrouse en outubro de 1947 na localidade monfortina de Chavaga coa presenza de guerrilleiros das cinco zonas nas que actuarían no futuro.

Unidade e pluralidade

Segundo deixou recollido nas súas memorias o comisario político da mesma, Francisco Martínez “O Quico”, á xuntanza fundacional non chegou a tempo o máximo dirixente comunista en Galiza Xosé Gómez Gaioso, tomándose “o compromiso de participar en accións coordinadas entre guerrillas e operacións de asistencia mutua e de apoio no interior dunha zona de resistencia”.

A II agrupación caracterizaríase nos seus primeiros momentos de vida por manter aquel espírito de unidade e pluralidade presente na Federación de guerrillas de Galiza León que progresivamente iría desaparecendo a medida que se impoñían as directrices do carrillismo.

O 20 de abril de 1949 preséntanse no lugar de Chavaga efectivos da Garda Civil das comandancias de Monforte de Lemos e Ponferrada coñecedores da presenza neste lugar de membros do Destacamento Santiago Carrillo da II agrupación. Os guerrilleiros serían detectados por algunhas imprudencias que chocaban coas regras da clandestinidade, como demorar de máis a súa presenza nas vivendas, ou impoñer unha multa ao crego da parroquia ou moverse a cara descuberta por Monforte, pero sobre todo polo labor de infiltración levado adiante polas forzas de seguridade.

A chave

3.ChavagaSegundo documentou Santiago Macías, o factor chave neste operativo foi a información fornecida ao comandante Arricivita, máximo responsábel da loita contra o maquis na zona, por Xesús Costoia, parente dunha familia que acollía fuxidos, e que actuara como confidente das contrapartidas durante varios anos a cambio de importantes sumas de diñeiro. Os testemuños de Costoia, protexido o resto da súa vida polo aparato do Estado, non só provocarían a morte dalgúns antifranquistas senón que levarían á cadea cinco cuñados e a súa sogra, propietaria dunha das casas de Chavaga.

O asalto ás vivendas ocupadas polos guerrilleiros en Chavaga respondeu a un plan preestabelecido definido polo comandante Arricivita, que pasaba por atacar en primeiro lugar unha das casas de acubillo co fin de que saísen na súa axuda, ficando ao descuberto os guerrilleiros agochados na outra.

Arredor de cento cincuenta números da Garda Civil, coa axuda de armamento pesado e mesmamente de morteiros apostados nos vagóns do tren, rodearon ao amencer do 20 de abril as casas contiguas do Pericallo e do Repil, empregadas como lugares de refuxio polos membros do Destacamento Santiago Carrillo desde dous anos antes, iniciando a toma da primeira onde se atopaban os seus propietarios, os irmáns Ramón e María López Casanova, a filla desta e compañeira do Roces María Luísa Centeno López e o dirixente guerrilleiro Evaristo González “O Roces”.

A chamada á porta da vivenda do Pericallo por membros da benemérita foi respondida por varias refagas de metralleta, contestando os franquistas con granadas e bombas incendiarias que remataría despois dun combate de horas coa morte dos irmáns López Casanova, o suicidio de Evaristo González “O Roces” no medio dunha leira de millo ao ser imposíbel a súa fuxida e María Luísa Centeno con importantes feridas.

Unha fuxida falida

Os guerrilleiros refuxiados na casa do Repil serían asasinados cando saían en axuda de Roces e dos seus enlaces do Pericallo. Unha vez escoitadas as primeiras detonacións, o grupo dirixido por Guillerme Morán tentou cruzar a estrada para atacar as forzas de orde pola retagarda e favorecer a fuxida dos seus compañeiros. Porén un niño de metralladoras oculto nun campo de centeo acabou con eles, moito antes que os ataques de morteiros dobregaran a resistencia de Roces.

A máis de Mario Morán, un histórico da Federación de guerrillas de Galiza León, antigo soldado do exército popular e no monte deste 1940, perderon a vida Xulián Acebo Alberca “O Gardiña”, un cántabro tamén procedente da Federación de guerrillas de Galiza León, e Gregorio Colmenero Fernández “ O Porreto”, un socialista do lugar de Torbeo en Ribas de Sil, na clandestinidade desde 1936 e ligado de vello ao grupo de Mario de Langullo.

“Saúl” e “Segura”

A represión que seguiu á caída de Chavaga afectou ducias de persoas na comarca da Ribeira Sacra. Samuel Maio “Saúl” e Fermín Gutiérrez “Segura”, os dous membros do Destacamento Santiago Carrillo que conseguiron fuxir con vida da casa do Repil ao empregar unha saída diferente aos seus compañeiros, non tardaron en ser asasinados polas forzas da orde.

O primeiro, un militante comunista de Mesía, enviado á Franza pola dirección do PCE en 1945 e máximo responsábel militar da II agrupación após abandonar disfrazado o cerco Chavaga polo medio da Garda Civil, será abatido en 1950 en Oza. O segundo, gravemente ferido a consecuencia de varias disparos, que logrou escapar após ofrecer varias coartadas á dona da vivenda, atopará a morte en Argozón Chantada en outubro de 1953, após ligarse durante algún tempo ao Piloto e manterase solitario até a súa caída.

A propietaria da vivenda do Repil Teresa López Ayán será condenada por colaboración con “malfeitores”a doce anos de cárcere ao igual que catro dos seus fillos e fillas, merecendo tamén diversas penas mulleres e homes da zona de orientación progresista que participaban dalgún xeito na oposición ao réxime.

A batalla como mito

A batalla de Chavaga non tardaría en acadar a categoría de mito na memoria popular e na propia épica da resistencia antifascista. O alcance do despregue das forzas da orde, a intensidade do combate e o número de vítimas mortais ou a represión que golpeou ás xentes da zona ficou gravada durante décadas na zona pero tamén no propio relato dos compañeiros de loita dos guerrilleiros asasinados que deixaron testemuño dos feitos nos seus órganos de prensa e en diferente propaganda elaborada nos anos seguintes.

Así é todo, o verdadeiramente significativo dos feitos vividos naquela xornada do 20 de abril de 1949 son as causas da caída, expresión da debilidade na que se atopaba a resistencia armada á ditadura e do aumento da eficacia dos métodos represivos, coa introdución de novas técnicas onde a infiltración, o terror discriminado contra a rede de apoios e a aplicación das tácticas da guerra porca que non tardarían en ser exportadas a outras latitudes na loita contra a insurxencia.

[Na foto do interior, Xulián Acebo Alberca “O Gardiña”, outro dos guerrilleiros asasinados en Chavaga. Na outra imaxe, unha homenaxe aos asasinados e asasinada]