Bicicletas: saia ou pantalón?

Bicicletas: saia ou pantalón?

Cara a 1895 a abundancia de velocípedos e o seu uso por parte das mulleres puxo no día a día perguntas como as que fai El Anunciador: a muller debe usar saia ou pantalón para andar en bicicleta?

En Ferrol un bando da Alcaldía tivo que prohibir o tránsito a tanta máquina. A medida levou a que o presidente do Círculo Ciclista solicitase que, polo menos, se permitise que as persoas que querían aprender a andar en bicicleta utilizasen a parte central do paseo Marques de Suanzes en horario de catro a dez da mañá (era mes de xullo). E para o resto dos usuarios quedaban as aforas que tampouco eran seguras pois moitos ciclistas quéixanse de que os viciños lles acirran os cans, cando non os rouban directamente.


A incorporación da muller ao mundo da bicicleta trouxo de inmediato a polémica. Primeiro a discusión de se é saudábel ou non para as mulleres andar en bici. E aínda non resolto ese tema chega outro: cal é o vestido máis conveniente sob o triple punto de vista de beleza, hixiene e corrección. Co ánimo de resolver este problema Amelia Bloomer, alá pola metade do século XIX, inventou unha prenda de vestir que, basicamente, eran como unha saia dividida en dúas partes con costura ao medio e que chegaba ao nocello. Foron os bloomers, recebidos con tanta crítica que o invento non prosperou e moitas mulleres foron mesmo agredidas por usar tal prenda, considerada indecente.

En Chicago un concelleiro pediu que, por inmoral, non se permitise á muller usar pantalón e as máis famosas actrices do momento, a comezar por Sarah Bernhardt sentenciaron que o desenvolvemento físico que a bicicleta pode proporcionar á muller “nunca pode estar por riba do moralmente aceitábel”.

En xullo de 1891 o correspondente do Chicago Tribune escrebía: “antes pensaba que o peor que podía facer unha muller era fumar, mais mudei de idea. O peor que vin na miña vida é unha muller montando en bicicleta”.

Andar en bicicleta unha muller supoñía romper regras e ás primeiras ciclistas axiña se lles puxo o cartaz de persoa de dubidoso moral. O mesmo correspondente citado no parágrafo anterior afirmaba que lle faría a vida imposíbel á súa futura nora se manifestaba a máis mínima inclinación para o ciclismo.

Un grande escándalo acompañou as primeiras ciclistas. En Londres, Emma Eades era recebida a pedradas cada vez que saía en bicicleta. Desde os púlpitos consideraban o ciclismo unha actividade negativa para a alma feminina; os médicos apuntaban que montar en bicicleta podía causar esterilidade e trastornos nervosos.

Mais nengún destes impedimentos conseguiu frear a incorporación da muller ao ciclismo e, como di a canción La Bicicleta” de Shakira y Carlos Vives, “A mi manera, despelucado / En una bici que me lleva a todos lados” a bicicleta supuxo para a muller un novo aporte de liberdade.

Ao final aínda levou máis tempo aceitar que a muller vestise pantalón.


(Imaxe: National Geographic)


 



x