O BNG denunciará ante a ONU que o Estado permite a existencia da Fundación Franco

O BNG denunciará ante a ONU que o Estado permite a existencia da Fundación Franco
Acto para reivindicar a devolución da Casa Cornide na Coruña. Foto: @xlmartinez.
Acto para reivindicar a devolución da Casa Cornide na Coruña. Foto: @xlmartinez.  
A batalla do BNG pola memoria histórica democrática non se detén. A organización anunciará mañá, cuarta feira, a súa denuncia contra o Estado español por vulnerar a normativa internacional de dereitos humanos ao permitir a “vixencia” da Fundación Franco e dificultar o acceso á documentación sobre a ditadura.

Serán a portavoz do BNG en Europa Ana Miranda e o historiador Carlos Babío os encargados de sinalar os detalles da demanda. Esta apóiase na Resolución sobre o avance do neofascismo en Europa da que Miranda é coautora e que foi aprobada no Parlamento europeo o 25 de outubro de 2018.

Con Babío e Miranda estará tamén Francisco Jorquera, concelleiro do Bloque na Coruña, que exporá os detalles doutra denuncia, a presentada pola familia Franco contra activistas da memoria histórica que defenden a devolución dos inmobles incautados durante o réxime franquista. O xuízo será o vindeiro 5 de novembro. Con Jorquera estarán algúns dos denunciados: Salvador González, Carolina Fernández e Daniel Carballada.

O BNG explicará as súas causas esta cuarta feira 7 de agosto na Casa Cornide, da Coruña, outra propiedade usurpada polos Franco.