PONTÓN ESIXE QUE O GOBERNO DEMANDE A FAMILIA FRANCO

O BNG escribe a Sánchez para que non esqueza o Pazo de Meirás

O BNG escribe a Sánchez para que non esqueza o Pazo de Meirás
Toma simbólica das Torres de Meirás por membros do BNG. Foto: BNG.
Toma simbólica das Torres de Meirás por membros do BNG. Foto: BNG.  Foto: BNG

O BNG quere que o Goberno do Estado interpoña unha demanda contra a familia Franco para reclamar a propiedade do Pazo de Meirás, en Sada. Así llo fai saber a portavoz nacionalista ao aínda presidente do Executivo, Pedro Sánchez, nunha carta.
 


Ana Pontón pide a Sánchez que a denuncia se faga efectiva “antes da convocatoria de eleccións e da disolución das Cortes”. “É necesario poñer punto final aos privilexios dos Franco e do franquismo e son para nós unha prioridade que as estatuas do Pórtico da Gloria, a Casa de Cornide e o Pazo de Meirás retornen ao patrimonio público galego”, afirmou esta segunda feira en comparecencia de prensa.

“Resulta esperpéntico que os bens espoliados continúen en mans dos Franco”, asegurou, “isto é un símbolo da continuidade das estruturas de poder da ditadura, unha ofensa á memoria das vítimas do franquismo e da debilidade democrática do Réxime do 78”.

Ana Pontón lembrou tamén o xuízo ás 19 persoas que entraron en Meirás para reivindicar a súa devolución. Os Franco piden para eles penas de máis de 300 anos. “O BNG sempre se mostrou favorábel á exhumación dos restos de Franco”, argumentou en relación ao Val dos Caídos, “pero tamén á exhumación do franquismo presente en moitos vestixios como o Pazo de Meirás”.



x