ESTA SEGUNDA FEIRA, DÍA 20

O BNG leva a Bruxelas o franquismo após Franco

O BNG leva a Bruxelas o franquismo após Franco

Baixo o título Franquismo despois de Franco, o BNG, Bildu, Compromís e ERC levan a Bruxelas o momento de “involución democrática” que vive o Estado español e que “dá alas á extrema dereita”. Fanno esta segunda feira, día 20, xusto cando se fan 42 anos da morte do ditador.


O Parlamento Europeo acollerá esta segunda feira, día 20, unha xornada organizada polo BNG, Bildu, Compromís e ERC baixo o título Franquismo despois de Franco e en que participarán persoas académicas, historiadoras, politólogas e asociacións que traballan no ámbito da memoria, incluída a Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás. Terá lugar de 15h a 20h.

Con este relatorio, o BNG tamén levará á Bruxelas o espolio de bens lexítimos do pobo como son o Pazo de Meirás, as esculturas do Pórtico da Gloria ou o Pazo de Cornide. Aliás, o Bloque denunciará perante a comisión de peticións da Eurocámara a Fundación Franco. En declaracións á prensa, a representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, ten sinalado o “chocante” que resulta na UE que exista “unha entidade á que se lle permite facer apoloxía da ditadura” e que “mesmo reciba subvencións públicas”.

As palestras contan co apoio de GUE/NGLE e OS Verdes-ALE e contarán coa participación de responsábeis da Comisión Europea.