O BNG reivindica unha Lei galega da memoria histórica que resarza as vítimas do franquismo

O BNG reivindica unha Lei galega da memoria histórica que resarza as vítimas do franquismo
Luis Bará
Luis Bará  

O PP votou en contra dunha proposición non de lei que formulaba crear unha Comisión da Verdade sobre as vítimas da represión franquista ou crear un arquivo da memoria histórica, entre outras medidas.


O BNG defendeu no parlamento unha proposición non de lei (PNL) na que se instaba o goberno galego a desenvolver unha “política pública sobre a memoria histórica”, que tivese a reparación das vítimas do franquismo en Galiza, a verdade e a xustiza como alicerces. Luis Bará, deputado nacionalista, explicou que a actual Lei de Memoria Histórica “é insuficiente” e non resolveu a reparación, as sentenzas e a  Lei de Amnistía deixou de investigar crimes a pesar dos acordos internacionais. “Parécenos unha infamia e ofensivo para a memoria das vítimas que o PP continúe desobedecendo a organismos internacionais e mesmo o informe relator dos dereitos humanos da ONU”.

A lei galega proposta polo BNG procura “completar, ampliar e  mellorar a Lei estatal”, que data do ano 2007, crear  unha comisión da Verdade, “independente e de carácter oficial”  que recupere ás vítimas que non aparecen nos rexistros oficiais, unha oficina de vítimas do franquismo que reactive o proxecto “Nomes e Voces” e que sexa creado tamén  o Arquivo da Memoria Histórica de Galiza como centro público de investigación e divulgación con todo o material recompilado e que na actualidade fica “nun almacén”. Luis Bará  reivindicou tamén declarar a Illa de San Simón, “Illa a da Memoria”  e  espazo central da loita pola memoria histórica democrática.

O Partido Popular, maioritario na Cámara, votou en contra da proposta presentada polo BNG.



x