CAMPOS DO TERROR

O campo de concentración do mosteiro de Oseira

O campo de concentración do mosteiro de Oseira
Presas e presos, mozos e mozas do reformatorio e frades en Oseira. Do blog "Diario de un médico de guardia".
Presas e presos, mozos e mozas do reformatorio e frades en Oseira. Do blog "Diario de un médico de guardia".  
Cando visitemos o mosteiro de Oseira non atoparemos nada que nos indique que foi reconstruído polos presos políticos confinados alí após o golpe militar de xullo de 1936. Lembramos os días en que este centro relixioso do Císter se reconverteu en campo de concentración, así como as condicións de vida daqueles demócratas que, privados de liberdade, acometeron a súa restauración. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 356 do Sermos Galiza.

m_FS_7O campo de concentración de Oseira situábase á dereita da entrada principal do mosteiro e oposto á frontal da igrexa. As orixes deste importante centro relixioso e patrimonial remóntanse ao século XI, momento no que un grupo de frades da orde do Císter se instalan na zona. Porén, o pulo do conxunto histórico e artístico coincidirá coa plena e baixa Idade Media, acometéndose, tamén, importantes actuacións durante a Idade Moderna.

O declive do mosteiro de Oseira está asociado ás políticas de desamortización promovidas polos liberais no século XIX, que provocarán o abandono do cenobio por parte dos monxes en 1835, abrindo o camiño ao espolio dos seus principais elementos patrimoniais, como o reloxo, instalado na casa do concello de Maceda; as fontes, colocadas en diversos xardíns e prazas da cidade de Ourense, ou o cadeirado do coro, vendido ao claustro da Universidade de Compostela. Malia que o relato oficial tende a situar o comezo dos traballos de recuperación do conxunto en 1929, coincidindo co retorno a Oseira da orde do Císter, non será até a chegada dos presos políticos cando estes se inicien realmente.

A chegada

Os primeiros presos políticos chegaron ao mosteiro de Oseira en agosto de 1936. Non é doado precisar con exactitude o número de persoas confinadas neste centro de reclusión nos anos que permaneceu aberto; porén, segundo os dados fornecidos por Xulio Prada e Domingo Teixeiro, “as opinións máis conservadoras e repetidas falan de que a cifra habitual de reclusos situábase arredor dos douscentos”. Así e todo, os mesmos autores sinalan que algúns testemuños dos propios retidos elevan o número até setecentos, indicando o historiador e preso político en Oseira Alberte Vilanova que a cantidade era maior cando o campo foi visitado polo director do xornal falanxista Arco, Filipe Fernández Armesto, e o gobernador civil da provincia.

[Podes ler a peza íntegra no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]