O campo de concentración de Lavacolla

O campo de concentración de Lavacolla
[Imaxe: SG] Avións na na inauguración do aeródromo de Lavacolla.
[Imaxe: SG] Avións na na inauguración do aeródromo de Lavacolla.  
Algunhas das máis importantes infraestruturas da Galiza do século XX foron executadas por man de obra escrava. Unha boa parte dos tramos do camiño de ferro entre Zamora e A Coruña, moitos treitos da rede viaria interior ou os aeroportos de Vigo e Santiago de Compostela son exemplos de dotacións públicas realizadas por presos políticos. Achegámonos hoxe á memoria dos demócratas detidos en Lavacolla obrigados a facer estes traballos. Eis un extracto da información publicada ao respeito no número 360 do semanario Sermos Galiza en papel.

m_7_FS_CamposTerrorAs diferenzas entre o campo de concentración de Lavacolla e os batallóns de traballadores instalados no mesmo lugar son simplemente formais. A comezos de 1939 o goberno de Franco ordenou o feche do groso dos campos de concentración existentes no Estado, sendo reconvertidos os presos políticos confinados en Lavacolla en membros do Batallón de Traballadores número 90, sen que notase cambio ningún, ocupando as mesmas naves de confinamento, sufrindo os mesmos gardiáns, realizando o mesmo traballo ou padecendo os mesmos malos tratos.

Atina, logo, Carlos Hernández, no seu estudo sobre os campos de concentración durante o franquismo, ao afirmar graficamente que en Lavacolla “o 15 de novembro de 1939 os internos deitáronse como prisioneiros do campo e levantáronse o día 16 como membros do Batallón de Traballadores número 90”.

Así as cousas, analizaremos a situación dos presos políticos dedicados á construción do aeroporto compostelán desde 1939 até 1945, prescindindo das distincións nominais derivadas de novos marcos xurídicos formais que provocan confusión na compresión deste centro de detención.

As primeiras informacións sobre o campo de concentración de Lavacolla datan do primeiro trimestre de 1939. Naquela altura, nun informe da Inspección de campos de concentración, recollíase a existencia dun campo de concentración para 2000 persoas nunhas antigas naves abandonadas, próximas ao aeródromo de Lavacolla, que até 1910 acolleron as fábricas de curtidos Xoán Harguindey e que nese momento eran propiedade familia do político católico e gobernador civil da ditadura de Primo de Rivera Xacobe Varela de Limia.

O estado das instalacións eran de práctica ruína, até o punto de sinalar os técnicos do exército en 1940 “que non reúnen as mínimas condicións, pois dado o estado actual na que se atopan, as obras precisas para poñelas en condicións de habitabilidade situaríanse en arredor das 100.000 pesetas”, indicando máis adiante que “as condicións hixiénicas destes locais dormitorios son deficientes”. Nun sentido semellante, o gobernador militar de Lugo falaba en 1942, sen ningún tipo de desvergoña, “dunha ventilación complementaria de aire a través dos furados do tellado”.

[Podes ler a información íntegra no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]