CAMPOS DO TERROR

Os campos de concentración da Pobra do Caramiñal

Os campos de concentración da Pobra do Caramiñal
[Imaxe: Cedida] Campo do Pozo, na Pobra do Caramiñal
[Imaxe: Cedida] Campo do Pozo, na Pobra do Caramiñal  

A apertura dos campos de concentración da Pobra están directamente ligados á política represiva instaurada polo franquismo e particularmente ao avance do exército franquista ao sur do Ebro e á progresiva caída da fronte catalá, que obrigou á posta en funcionamento de novos centros de reclusión e á activación doutros que xa viñan funcionando desde 1937. Eis un extracto da peza, publicada no número 341 do semanario Sermos Galiza.


3A comezos de xaneiro de 1939 entran en funcionamento dous campos de concentración no concello da Pobra do Caramiñal. Un deles, o campo do Pozo, situado a carón da praia onde desembocan o río das Pedras e o Lérez, fronte a fábrica de electricidade de Valverde, emprazábase nunha conserveira de inicios do século XX propiedade da familia Montenegro e na que traballaban principalmente a sardiña e o polbo.

O inmóbel, localizado no mesmo lugar onde hoxe desenvolve a súa actividade Conservas Friscos, estaba formado por unha casa-habitación e unha fábrica anexa dunha capacidade limitada, ao igual que o campo de concentración situado no Areal, concretamente nas naves da conserveira de Boullón.

A falta de espazo no campo do Pozo e do Areal levou a habilitar a escola de nenas da vila como un espazo auxiliar aos mesmos, certificando a existencia deste estabelecemento penal a propia documentación municipal en abril de 1939 ao afirmar que “na actualidade, en dúas magníficas fábricas de conservas de peixes e mariscos, existen Campos de Concentración de prisioneiros e evadidos do máis diverso matiz”.

Ao redor de mil detidos

Os campos de concentración da Pobra do Caramiñal chegaron a acoller ao redor de mil detidos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron os centros de confinamento franquista na zona da Barbanza, estes números aparecen confirmados tanto polas fontes orais como pola documentación escrita.

Así, coñecemos que o 13 de febreiro de 1939 chegan á localidade uns seiscentos detidos e que o día seguinte dislócanse outras trescentas trinta persoas, após seren trasladadas nun tren de mercadorías desde Zaragoza a Padrón e posteriormente en camións até A Pobra. A maioría dos reclusos confinados na vila da Barbanza correspondíanse con soldados do exército popular que tiñan participado en accións de combate na fronte aragonesa e catalá, sendo na súa práctica totalidade de orixe catalá, como confirman os apelidos dos detidos e a propia memoria das veciñas e veciños da zona.

[Podes ler a peza íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x