FOTOS INÉDITAS DA CHEGADA DOS RESTOS DO LÍDER DO PG A LAVACOLLA

Cando Castelao volveu secuestrado

Cando Castelao volveu secuestrado
Momento en que o cadaleito cos restos de Castelao sae da bodega do avión
Momento en que o cadaleito cos restos de Castelao sae da bodega do avión  Foto: Pedro Piñeiro

Foi unha operación política dirixida a lexitimar o réxime autonómico. A traída dos restos de Castelao, perfectamente deseñada no tempo e na forma, respondía  ao triplo obxectivo de dotar de apoio social un Estatuto, de manter o combate e a exclusión contra o nacionalismo, de avanzar na idea de reconciliación entre as vítimas e os verdugos do 36 e de outorgar natureza democrática e galega aos xestores da autonomía


A data, escollendo para a súa chegada a Bonaval un 28 de Xuño, tiña como fin facela coincidir co aniversario do referendo do estatuto de 1936. O momento, cos herdeiros políticos do de Rianxo expulsados do Parlamento de Galiza, isto é os deputados do Bloque-PSG Lois Diéguez, Bautista Álvarez e Claudio López Garrido, nun contexto de forte represión ao nacionalismo, iniciado após o 23 F, continuado polos primeiros gobernos do PSOE e que respondía a tentar eliminar aquelas alternativas non confesionais co modelo da Constitución de 1978. O tempo, cunhas institucións autonómicas cuestionadas na súa utilidade e no seu carácter democrático, cun Estatuto que merecía a indiferenza maioritaria do pobo galego como se demostrou no referendo de 1980 e cuns responsábeis, ao fronte, carentes de calquera tipo de lexitimidade democrática.

Non era posíbel converter Castelao no avalista do proceso autonómico sen proceder a manipulación do seu pensamento e actuación política. As tentativas de adulteración do legado do líder do Partido Galeguista son  anteriores ao período autonómico; porén, neste momento acadan un carácter máis descarado ao tentar de o facer funcional ao proxecto político en marcha. Atendendo ao papel de Castelao e o Partido Galeguista na consecución do Estatuto de 1936, pretenden presentalo como un autonomista, cuxa posición ideolóxica se referencia na descentralización administrativa sendo o correlato do mesmo o texto estatutario de 1981. Abonda con ollar os seus escritos ou as propias resolucións asembleares do seu partido para concluír que o nacionalismo nin antes, nin durante, nin despois do período republicano foi unha forza de definición e práctica autonomista. O Estatuto do 36, así o testemuñou Castelao, era un punto de partida e non de chegada, situando a súa reivindicación como un paso para avanzar na liberación nacional de Galiza.

SKM_C284e17062703270_0001A idea de traer de volta Castelao a Galiza remóntase aos inicios da Transición. As primeiras opinións neste sentido foron recollidas na revista Teima, posicionándose ao pouco na mesma dirección desde Bos Aires Rodolfo Prada, antigo secretario de Castelao no exilio que rompera co Consello de Galiza á volta dos anos 60 e que mantiña na altura relacións privilexiadas con Ramón Piñeiro. Así e todo, a proposta non se recuperará e formalizará até a primeira lexislatura da autonomía, cando o Parlamento de Galiza acorda xestionar a traída dos restos de Castelao. Nas  conversacións coa familia do autor de Sempre en Galiza, destacouse  o propio presidente da Xunta de Galiza Xerardo Fernández Albor, persoa vinculada ao grupo de Galaxia e á propia familia Castelao a través da compañeira de Albor Asunción Baltar. O 28 de Xuño de 1984 Castelao estaba de novo en Galiza, nunha viaxe de volta que non estivo libre de sobresaltos, con ameaza de bomba incluída, o que provocou retrasos no voo do avión e no seu recibimento, case clandestino  de Lavacolla, e no posterior de Bonaval.

SKM_C284e17062703310_0001Chegou a Bonaval a lombos dos herdeiros políticos daqueles que o mandaran ao exilio. A súa garda de corps estaba formado polos mesmos que perseguiran a súa obra e pensamento durante o franquismo, homes e mulleres feitos dos mesmos coiros cos caciques e políticos que combateu nos seus debuxos, en fin, uns e outros, inimigos do que representou e representaba o de Rianxo. Enfronte o pobo nacionalista, isto é os que guiaban a súa actuación e pensamento polo que deixou escrito no Sempre en Galiza, as persoas que recuperaran e dignificaran a súa obra en tempos de persecución, as xentes que formaban no mesmo proxecto polo que Castelao foi perseguido. Cando os restos desta figura central na historia da Galiza se achegaban ao templo exclaustrado de Bonaval, as forzas de orde público comezaron a cargar cunha dureza fora do común contra os manifestantes, nunhas imaxes que chegarían a milleiros de galegos polas cámaras da delegación en Galiza da Televisión Española. A mare represiva non rematou coas incidentes de Bonaval, continuando nas semanas e nos meses seguintes coas multas e procesamentos algúns dirixentes nacionalistas, baixo a responsabilidade de ter promovido estes actos. E ao fin gañaron os de Castelao, os que viñeran desenvolvendo nos meses previos unha campaña de clarificación sobre a súa figura, os que se plantaron en Bonaval contra a súa apropiación indebida, os que deixaron claro diante do pobo galego de quen era patrimonio o patriota de Rianxo e que intereses defendía.

As fotografías que van inseridas no meio do texto, ambos da autoría de Pedro Piñeiro, son (1). Teresa, a irmá de Castelao perante o cadaleito; (2) O coche fúnebre ábrese paso na pista de aterraxe de Lavacolla