50 ANIVERSARIO DO PRIMEIRO MITIN APÓS 1936

Cando Castrelo de Miño protestou na voz de Celso Emilio

Cando Castrelo de Miño protestou na voz de Celso Emilio
[Imaxe: Brétemas] Xantar Ourense
[Imaxe: Brétemas] Xantar Ourense  

O 15 de Maio de 1966 arredor de 250 persoas participan dun acto no Hotel Roma de Ourense para homenaxear Celso Emilio Ferreiro, que estaba a piques de embarcar camiño da emigración venezolana, e para protestar contra os obras de construción do encoro de Castrelo de Miño que remataría por expulsar das súas terras centos de labregas e labregos.


A xornada, que se iniciou cun xantar, contou coa presenza de mulleres e homes chegados de toda Galiza e a adhesión de 1.250 persoas, intervindo na sobremesa Ramón Otero Pedraio, que protestou contra o feudalismo eléctrico de Fenosa, Antón Tovar, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Emilio Álvarez Blázquez, Xosé María Castroviejo, Albino Núñez, Manuel María, Luís Soto, Alonso Montero, Arturo Reguera e Xosefa Román.

Celso Emilio: "Galiza debe ser unha terra non só para nacer e morrer, senón tamén para poder vivir nela"

Os discursos, que foron interrompidos en diversas ocasións polos asistentes ao berro de “Viva Galiza Ceive”, destacaron o valor da poesía e a traxectoria humana do poeta de Celanova e expresaron a súa solidariedade cos labregos do Ribeiro. O acto fechouse coa lectura dun comunicado por parte das xentes de Castrelo no que se sumaban á homenaxe “o grande poeta da nosa terra Celso Emilio Ferreiro, que cantou marabillosamente o noso mañifico val de Castrelo, a terra máis fermosa do mundo e que xa non poderá cantar endexamais” e as palabras do propio poeta. Este, antes de que os asistentes se puxeran en pé para cantar o Himno Galego, nunha intervención moi breve que expresaba o seu abatido estado de ánimo, agradeceu o acto e as palabras dos presentes e rematou afirmando que “Galiza debe ser unha terra non só para nacer e morrer, senón tamén para poder vivir nela”

Castrelo de Miño.A Unión do Povo Galego, partido do que facía parte o poeta de Celanova e que acadará un importante destaque na oposición ao encoro de Castrelo de Miño, acordou impulsar este acto iniciando primeiro contactos con outros sectores do antifranquismo, nomeadamente o PCE, promovendo un manifesto para a ocasión e constituíndo unha comisión que se encargaría da organización do mesmo. A comisión organizadora estaba presidida por Amadeo Varela, antigo afiliado do Partido Galeguista represaliado en 1936 e na altura militante da UPG e avogado dos labregos de Castrelo, o seu secretario era o fundador da UPG Luís Soto, sendo os seus vocais Ramón Otero Pedraio, Arturo Lezcano, xornalista e militante da UPG, Xulio Vázquez Ximeno, traballador de “La Región” e peza decisiva na ultima etapa da revista “Vieiros”, e os avogados ourensáns, vinculados a Amadeo Varela, Marcial Carlés Calviño e Manuel Sánchez Aguirre.

As sinaturas que acompañaban o manifesto sumaban 1.200 persoas, o que dá conta da dimensión do acto

O manifesto, onde o influxo e a tona nacionalista non deixan lugar a dúbidas, define a Celso Emilio como “un poeta sin evasiós, a carón do pobo ao que pertence”, sinalando que “é un poeta coa autenticidade da súa terra, afincado na raigame das angurias e dos anceios da Galicia labrega e mariñeira, e tamén porque é un poeta do seu tempo co carimbo da época histórica na que vive”, aparecendo máis unha vez a idea de “terra e tempo” tan cara polo núcleo que reorganizou o nacionalismo nos primeiros sesenta. As sinaturas que o acompañaban, procedentes de diversos puntos de Galiza e da emigración e representativas de diversos sectores sociais, sumaban máis de 1.200 persoas, o que dá conta da dimensión do acto. Alí atopábanse veteranos resistentes como Amalia Álvarez Gallego ou Luís Seoane, dirixentes do novo nacionalismo como Bautista Álvarez e María Xosé Queizán, cadros do PC como Rafael Pillado ou Xulio Aneiros, estudantes da Universidade Galega como Xesús Sanxoas ou Luís González Blasco  e tamén intelectuais estranxeiros como Salvador Espriu ou Agustín Goytisolo. 

O acto do Hotel Roma foi o primeiro mitin político celebrado en Galiza após o Golpe de Estado

O acto do Hotel Roma, que no momento foi caracterizado como un revival do Banquete de Conxo, foi o primeiro mitin político celebrado en Galiza após o Golpe de Estado fascista de Xullo de 1936. Esta significación non se lle escapou ao réxime franquista, como testemuñan diversos informes policiais da época, e tampouco a Ramón Piñeiro que non só non se sumou ao acto, cousa que si fixeron a maior parte dos veteranos do vello Partido Galeguista, senón que mesmo chegou a considerar a homenaxe a Celso Emilio como un pretexto. A maiores, para o nacionalismo que viña de reoganizarse só uns anos antes, representa o punto de arranque da súa intervención social iniciada uns meses despois coa elaboración e reparto da folla voandeira “Xustiza si, embalses non” e que provocaría unha intensificación da persecución para os seus cadros ao longo de 1966, chegando mesmo a provocar a expulsión do Estado Español de Luís Soto.

O conflito exemplifica como o nacionalismo nas súas limitacións foi capaz de condicionar a historia de Galiza

O conflito de Castrelo de Miño, cuxa memoria ficaría na escrita da man de Manuel María, Lois Diéguez ou Fernández Ferreiro, na música e na voz de Miro Casabella, Suso Vaamonde ou Fuxan os Ventos, na arte no traballo de Luis Seoane, Raimundo Patiño ou Acisclo Manzano, exemplifica perfectamente como o nacionalismo nas súas limitacións foi capaz de condicionar a historia de Galiza. Non só significou a volta do noso idioma á loita política -pénsese que a finais de 1966 o PC secuestrou o reparto dun panfleto en Castrelo de Miño por estar escrito en galego- ou a introdución dos sinais de identidade que nos son propios nos conflitos sociais, senón que esta loita, independentemente de que non se acadaran os obxectivos, implicou unha considerábel mellora sobre as condicións de partida para os labregos e as labregas deste val do Ribeiro. Se hai 100 anos coa fundación das “Irmandades da Fala”, a loita pola liberdade de Galiza entraba nunha nova fase, hai 50 anos arredor do conflito de Castrelo de Miño comezaba a escribir o seu capítulo contemporáneo.

[Imaxe do interior: Enrique Rodríguez Padrón]



x