Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer, Premio á recuperación da Memoria Histórica

Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer, Premio á recuperación da Memoria Histórica
Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer
Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer  

Os escritores, investigadores e membros da Asociación para a Dignificación das Vítimas do fascismo de Lugo, Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer recibirán en Pontevedra o 17 de agosto o Premio á recuperación da Memoria Histórica que cada ano outorga a Fundación Alexandre Bóveda na conmemoración do Día da Galiza Mártir. 


A Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer, a Fundación Alexandre Bóveda recoñécelle unha longa traxectoria de recuperación da memoria das vítimas, tanto a nivel particular, coas súas investigacións e publicacións, como desde plataformas como a Dignificación das Vítimas do Fascismo de Lugo ou a Iniciativa Galega pola Memoria. De maneira especial, citan o labor desenvolvido nos actos de desagravio que o pasado ano, o 13 de outubro, tiveron lugar en Montecubeiro, despois das declaracións do alcalde de Baralla nas que xustificaba a represión fascista. 

“Ambos os dous a través da asociación, da Iniciativa Galega pola Memoria da que forma parte, ou de xeito individual veñen traballando de xeito activo na recuperación da nosa memoria e na lembranza das vítimas do franquismo, así como na denuncia da pervivencia de vestixios dese réxime na impunidade existente a ese respecto, no feito que non se reparen ditos crimes, e sobre todo que non se establezan garantías de non repetición”, destacan á hora de concederlle o galardón a Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer que destacaron tamén na recuperación da historia das mulleres vítimas da represión, o que se plasmou de maneira especial no proxecto “Vermellas”. 

En Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer, a Fundación Alexandre Bóveda quere “personalizar” o labor das asociacións -en especial de Lugo- que promoveron e responderon ao agravio do rexedor de Baralla co acto celebrado en Castroverde e coa resposta contundente diante do que definen como “apoloxía do franquismo”. Tanto unha como o outro son tamén asistentes e participantes habituais dos actos que por todo o país se celebran co obxectivo de denunciar a barbarie e homenaxear ás vítimas, de maneira especial os que tiveron lugar na Illa de San Simón. Aos dous, a Fundación Alexandre Bóveda agradécelle o seu compromiso para participaren no movemento asociativo da memoria e “poñer voz aos sen voz e lembrar as derrotadas e aos derrotados que son o mellor chan moral sobre o que erguer un futuro digno e honesto para o noso pobo”.

A exiliada Mariví Villaverde inaugurou en 2006 a listaxe de persoas recoñecidas co premio á Recuperación da Memoria Histórica, unha nómina na que seguirían Dionisio Pereira, Teresa Alvajar, Xusto Beramendi, Avelino Pousa Antelo, Xosé Álvarez Castro, Xosé Luís Rivas (Mini) e Baldomero Francisco Iglesias (Mero) e o proxecto Interuniversitario “Nomes e voces”. 

Calendario da xornada

O premio entregarase no marco dun xantar colectivo que, como cada ano, terá lugar despois do acto institucional na Caeira que comezará ás 12 da mañá e contará coa intervención do Presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, a Presidenta da AMHM ( Asociación Memoria Histórica Marín ) e membro da Iniciativa Galega pola Memoria, Enriqueta Otero, a filla de Bóveda e Vicepresidenta da FAB, Amalia Bóveda e o alcalde de Poio, Luciano Sobral. Para participar no xantar pódese anotar nesta ligazón. 

Despois da misa e o acto no cemiterio de San Amaro, a xornada rematará coa acto político na Praza de Curros Enríquez no que intervirán Eva Villaverde e Luís Bará, concelleiro de Pontevedra e promotor da recuperación da memoria desde a Xunta no seu tempo de Director Xeral de Cultura.