MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO, ESCRITORA

“Castelao é o gran construtor da memoria histórica de Galiza”

“Castelao é o gran construtor da memoria histórica de Galiza”
María Pilar García Negro
María Pilar García Negro  

'A derradeira leición do mestre', en Galiza


Por que é importante para vostede A derradeira leición do mestre?

A estampa deste lenzo foi publicada por Castelao no seu exilio de Valencia. Estamos diante dun documento histórico fundamentalísimo co que o autor quere facer crónica en tempo real. É unha peza de significación plural cargada de elementos que deben perdurar no futuro. E representa a homenaxe directa ao secretario de organización do Partido Galeguista, a unha figura crucial como foi Alexandre Bóveda.

Como definiría o papel daqueles mestres?

Derradeira significa definitiva, neste caso polo asasinato do protagonista directo, pero é unha mensaxe clara de vida e de futuro. Representa un martirio extensivo a todas e todos aqueles mortos pola barbarie do feixismo. A figura abatida está acompañada de dous pequenos, que simbolizan a Galiza do futuro, que están a recolleren un facho que debe continuar. Ten unha carga simbólica fundamental, tamén para o autor, que retomou aquela primeira estampa para convertela nun óleo de grandes dimensións. Mestre é unha verba semanticamente plural. Estase a referir a Alexandre Bóveda e ao seu papel fundamental no desenvolvemento do nacionalismo galego. A palabra mestre cumpre unha función simbólica no sentido de representar as persoas capaces de exerceren unha pedagoxía cívica e patriótica, non só en vida, senón após o martirio: é a vida da memoria. Castelao é o gran construtor da memoria histórica de Galiza. 

Que representou este cadro para o artellamento do nacionalismo na segunda metade do século XX?

A UPG nace en 1964 directamente baixo a invocación de Castelao. Foi ben difícil a recuperación do legado e da propia historia de Galiza, de aí que a nosa historia contemporánea se fose construíndo tendo que averiguala e resgatala cos nosos propios medios. Hai tres anos tiven a honra de defender aquela ILP, con fincapé en que se fixesen as xestións oportunas para que este lenzo viñese a Galiza ou ficase aquí. Teño que dicir, pola miña experiencia propia, que este cadro non é coñecido pola poboación galega residente en Bos Aires, non está exposto nin se dá a coñecer. Así, creo que quen valore Castelao e teña interese por nacionalizar esta gran personalidade non deberá ter nada que oponer a que fique aquí.