“ALDRAXE” Á MEMORIA DAS VÍTIMAS EN SAN SIMÓN

Cea e festa de Samaín na Illa da Morte

Cea e festa de Samaín na Illa da Morte
[Imaxe: CC] Vista da illa de San Simón
[Imaxe: CC] Vista da illa de San Simón  

“Indignación” ante a celebración na véspera de Defuntos dunha algueirada organizada na illa de San Simón pola empresa Nabia, coa conivencia da Xunta de Galiza, e que as asociacións da Memoria consideran “unha falta de respecto nun lugar onde tiveron lugar torturas, cativerios e asasinatos”.


Empréstame, Meendinho, tua voce meioeval,

aquela que o de Cangas e Martín tamén tiñan.

A voz que na cantiga de San Simón illeiro,

como cisne migrado do seu niñal luciras.

Empréstame, Meendinho, tua voce lembradoira,

e que doblen os sinos da ermida “ante o altar”,

pol-o fin sanguiñento que un dia iria a ter

a Illa que nascera baixo o sino de amare. (…)

 

Valentín Paz-Andrade dedicaba estes versos ao galeguista Álvaro Gil Varela, preso na illa de San Simón a causa das súas ideas. Tentaba o poeta reflectir a dicotomía que se dá nunha das illas xeográfica e paisaxisticamente máis espectaculares da Galiza e á vez sanguento campo de concentración dos fascistas entre 1936 e 1944.

San Simón EscaladoHoxe, 40 anos despois da publicación do poema, esa dualidade foi recuperada e levada até o paroxismo pola empresa Naviera Nabia, que organiza coa conivencia da Xunta de Galiza unha “festa de Samaín” a próxima noite da véspera de Defuntos.

A compañía ofrece por 30 euros o traslado dun máximo de 100 persoas á illa, onde logo dunha ruta guiada terá lugar unha cea “de picoteo temático tipo buffet”, antes de levar a cabo unha “actividade de aventura escalofriaaaaaante” (sic) consistente en “buscar pistas por toda San Simón nun divertido xogo de aventura e misterio, que porá a proba a agudeza mental, os coñecementos e a capacidade de traballo en equipo dos participantes”.

As asociacións da Memoria, “indignadas”, anuncian boicot

A reacción ante o anuncio da festa non se fixo esperar. A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) fala de “escándalo”, e afirma que “non” o podía crer cando tivo noticia da actividade. “É intolerábel e unha aldraxe que nun lugar como San Simón esta empresa, contratada pola Xunta de Galiza, organice este tipo de eventos, promocionados mediante carteis con caveiras nun lugar onde tiveron lugar torturas, cativerios e asasinatos. Resulta unha burla á memoria das vítimas”, engaden.

Montse Fajardo, voceira da IGM, indica para Sermos Galiza que xa está en marcha unha campaña en contra da festa, e avanza o inicio dunha "campaña de escritos á Xunta de Galiza, tanto a título individual como colectivo”, así como un “boicot”, para o que invita á cidadanía “a enviar correos á Administración, a queixarse nas redes sociais e a mobilizarse”, porque “xa está ben” dunhas “faltas de respecto que parecen feitas a propósito”.

A reacción política, en marcha

O Bloque Nacionalista Galego, a través dunha proposición non de lei presentada polo deputado Luís Bará, solicita que se prohiban actividades ofensivas coa memoria das vítimas do franquismo, como esta festa e cea nocturna –denominada comercialmente como Un Samaín de miedo en la Isla de San Simón–, así como a elaboración dun plan de usos para a illa que regule a utilización do espazo, “primando a súa función de lugar destinado á recuperación, divulgación e dinamización da memoria histórica democrática galega e da loita polas liberdades e os dereitos civís”.

Bará considera “unha ignominia” que se organicen actividades lúdicas e frívolas nun espazo "que foi lugar de cativerio, terror, fame, illamento e morte”, e critica a utilización de San Simón por parte de empresas privadas “para facer negocio sen ningún tipo de límite e sen ningún respecto pola historia e o significado do lugar”.

A Iniciativa Galega pola Memoria anuncia un "boicot", para o que invita á cidadanía a mobilizarse 

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra, en boca da deputada do departamento de Memoria Histórica, María Ortega, tamén se sitúa ao lado das asociacións memorialísticas no seu rexeitamento da utilización da Illa de San Simón “para a realización de actos frívolos e con intencións lucrativas”.

A deputada destaca que a Illa de San Simón “non pode ser un parque temático, senón que debe ser un lugar histórico, natural e cultural que merece coidado e dinamización, e ser tratado con respecto e sensibilidade”, polo que insta á Xunta de Galiza “a prohibir actividades como a publicitada e a crear un plan de usos que regule o espazo e prime a súa función como lugar de memoria histórica democrática”.