CONSIDÉRANO "UN DOS PRINCIPAIS ARTÍFICES DA POLÍTICA REPRESIVA DA TRANSICIÓN"

Tres colectivos galegos, na campaña para xulgar Martín Villa

Tres colectivos galegos, na campaña para xulgar Martín Villa
Martín Villa
Martín Villa  

A Asemblea Republicana de Vigo, a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e a Asociación Memoria da Mariña de Mondoñedo adheríronse a unha iniciativa impulsada por outras perto de corenta entidade do Estado.


Tres entidades galegas -Asemblea Republicana de Vigo, Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e Asociación Memoria da Mariña, de Mondoñedo, veñen de se sumar á campaña estatal que pretende xulgar Rodolfo Martín Villa como responsábel político da represión que seguiu á morte do ditador Francisco Franco nos primeiros anos da Transición. Deste xeito queren contribuír a "rematar coa impunidade dos crimes do franquismo". Celso López, portavoz da Asemblea Republicana de Vigo, lembra que nos anos 60 e 70 existía no Estado un "movemento obreiro, veciñal, cultural, nacionalista, feminista e estudantil moi potente que reclamaba dereitos democráticos e liberdades" co que "no remate da ditadura e nos primeiros anos da Transición o aparello represivo do Estado tratou de eliminar". Ademais, sinala, "a Lei de Amnistía de 1977 garantiu a impunidade a todos os responsábeis da represión".

Un dos principais artífices desa política represiva, indican as entidades, foi Rodolfo Martín Villa. "Cando el era ministro", subliñan, "cometéronse crimes como a masacre do 3 de marzo en Gasteiz ou o asasinato de Germán Rodríguez nos Sanfermíns de 1978, entre outros episodios". Entre eles, tamén Vigo. Alí, lembra a Asemblea Republicana de Vigo, faleceu Elvira Parcero Rodríguez, de 21 anos, como consecuencia das lesións ocasionadas no decurso dunha carga policial na rúa Urzaiz para disolver unha manifestación dos traballadores de Ascom. 

López apunta que a iniciativa "Xuízo a Martín Villa", que foi presentada en rolda de prensa o pasado xoves, quere denunciar estes acontecementos e demandar nos tribunais do Estado español as responsabilidades civís, políticas e penais "polo seu papel naqueles anos". "Cómpre lembrar", di o portavoz, "que Martín Villa xa se atopa imputado nos tribunais arxentinos por crimes contra a Humanidade, aínda que a Fiscalía Xeral do Estado ten emitido unha instrución aos demais fiscais para impedir o seu enxuizamento".