Colonias

Gravura de Rafael Bordalo Pinheiro
Gravura de Rafael Bordalo Pinheiro  

Nestes días en que a esencia do patriotismo español toma de novo corpo en Xibraltar, con fermosas palabras a falar das relacións futuras, de cosoberanía, ou con outras máis feras destinadas a falar de traizón e outras cousas, lembrei unha gravura de Rafael Bordalo Pinheiro (conservada no Museu Bordalo Pinheiro de Lisboa), aparecida en 1902 en A Paródia e titulada Portugal e as colonias.

O choque entre Portugal e a Inglaterra provocado pola cuestión colonial foi amplamente tratado na prensa. E tamén en ámbitos diplomáticos. Mesmo o rei inglés Eduardo VII, que dá nome ao parque máis coñecido da cidade, se achegou a Lisboa en 1903 para tratar co seu parente o rei Carlos algunhas cuestións de estado. A esa vista O Diário de Notícias dedicoulle a capa completa, comentando, entre outras cousas e na grafía da época:

“Deu hontem entrada no Tejo, sendo recebido com a solemnidade devida á sua altíssima posição e á honra com que deseja distinguir-nos, Eduardo VII, rei de Inglaterra, primeiro imperador das Índias. O primeiro imperador das Índias é um monarca europeu, e, por uma extraordinária coincidência, por uma d’estas singularidades do destino, a primeira visita que elle faz, é ao representante e genuíno descendente d’aquelle, que, primeiramente, se intitulou, vão decorridos quatro séculos, senhor da conquista, commércio e navegação da Ethiopia, Arábia, Pérsia e Índia”.

E prosegue o texto ao longo de oito columnas, isto é a primeira páxina e case toda a segunda, das catro que en total tiña a edición.

Aínda que os conflitos entre a Inglaterra e Portugal arrancaban de antes, especialmente desde 1890 en que a Inglaterra dá a Portugal un ultimato para retirar os soldados da franxa de terra que se estende entre Angola e Mozambique, ultimato que se sitúa na orixe do himno A Portuguesa, un ano antes desa visita real a tensión derivada da situación colonial suscitou moitas caricaturas, as máis das veces pouco amábeis para a vella e caduca política colonial de Portugal. Na caricatura de Bordalo Pinheiro podemos ver Portugal representado por un vello algo zoupeiro cercado por cinco mulleres, que non dubidan en facer a corte a homes máis mozos e dinámicos. Dúas delas, as máis nutridas, levan escrito no vestido os nomes de Angola e Mozambique e van camiñando á marxe do grupo, tentando seducir, ou deixándose seducir, polos dous homes inglés e alemán, que non disimulan o seu interese polas “meniñas”. O ollar de esguello das outras tres, Timor, Macau e India, deixa pensar que están en proceso de tamén se interesar.

Debemos reter a simboloxía que Bordalo fai das colonias portuguesas identificadas por mulleres caricaturais e mulatas, que non dubidan en galantear cos colonialistas europeos, nunha simboloxía ben distinta á realidade e ao papel asumido por moitas mulleres nos procesos de descolonización posteriores.



x