O comandante Félix, un infiltrado na guerrilla galega

O comandante Félix, un infiltrado na guerrilla galega
[Imaxes: SG] Manuel Fernández Soto, "Coronel Benito"
[Imaxes: SG] Manuel Fernández Soto, "Coronel Benito"  

Hai setenta anos, o 22 de xuño de 1949, eran asasinados pola acción dun infiltrado nos montes da Penacova en Remesar, Bóveda, os guerrilleiros Bernardo Álvarez Trabajo “O Gasta” e Manuel Fernández Soto “Coronel Benito”. Semanas máis tarde aparecía o cadáver de Elías López Armesto “O Paxariño”, o outro membro do comando que saíu mal ferido da emboscada.


1 (1)Foi un golpe definitivo que rematou coa guerrilla na Ribeira Sacra. A caída da Penacova, en xuño de 1949, veu precedida de importantes golpes represivos en toda a zona ao longo de 1949 contra os membros das unidades antifranquistas da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. O 24 de febreiro un grupo de sete guerrilleiros dislocouse á localidade estremeira de Ocero para manter unha cita cun enlace co fin de levar adiante un golpe económico. Porén o antigo colaborador mudara en confidente preparando coa Garda Civil unha emboscada que rematou coa vida de Afonso Rodríguez e Henrique Orozco, ficando feridos Francisco Martínez “O Quico” e Henrique Oviedo “O Chapa”.

Aínda non pasara un mes e tamén como resultado dunha infiltración, son asasinados outro grupo de guerrilleiros o 17 de marzo no lugar de Vilasinde, quedando mortos Abelardo Macías Fernández, Hilario Álvarez Méndez e Elpidia Morán Alonso “Maruxa”, conseguindo fuxir Oliveros Fernández Armada “Negrín” e Victorino Nieto Rodríguez. Finalmente o 20 de abril son executados en Chavaga, Monforte, os loitadores Xulián Acebo Alberca “O Gardiña”, Gregorio Colmenero Fernández “ O Porreto”, Evaristo González “O Roces”, Mario Morán e os irmáns Ramón e María López Casanova.

A II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza aglutinaba os loitadores antifascistas que operaban nas áreas de Ourense, O Bierzo, A Cabreira e o sur de Lugo. A asemblea constituínte deste novo corpo das forzas rebeldes que respondía ás orientacións do PCE celebrouse en outubro de 1947 na localidade monfortina de Chavaga coa presenza de guerrilleiros das cinco zonas nas que actuarían no futuro. Segundo deixou recollido nas súas memorias o comisario político da mesma, Francisco Martínez “O Quico”, á xuntanza fundacional non chegou a tempo o máximo dirixente comunista en Galiza Xosé Gómez Gaioso, tomándose “o compromiso de participar en accións coordinadas entre guerrillas e operacións de asistencia mutua e de apoio no interior dunha zona de resistencia”.

A II Agrupación caracterizaríase nos seus primeiros momentos de vida por manter aquel espírito de unidade e pluralidade presente na Federación de Guerrillas de Galiza León

A II Agrupación caracterizaríase nos seus primeiros momentos de vida por manter aquel espírito de unidade e pluralidade presente na Federación de Guerrillas de Galiza León que progresivamente iría desaparecendo a medida que se impoñían as directrices do carrillismo.

O 22 de xuño de 1949 son baleados nos montes da Penacova en Remesar, Bóveda, os guerrilleiros Bernardo Álvarez Trabajo “O Gasta”, Manuel Fernández Soto “Coronel Benito” e Elías López Armesto por un infiltrado co que mantiñan unha xuntanza para preparar novas accións contra o franquismo. “O Gasta”, un significado cadro comunista do Bierzo que xa destacara nas loitas sociais no período republicano, condenado a morte polo réxime e que se tiña botado ao monte en 1948 após colaborar durante anos como enlace, finara no momento.

Coronel Benito”, dirixente comunista de Mugardos, soldado do exército popular durante a guerra dos tres anos, loitador contra o nazismo na Unión Soviética e Romanía, máximo responsábel do PCE na Galiza após a execución de Seoane e Gaioso morrerá no sitio. “O Paxariño”, natural do propio concello de Bóveda, irmán do alcalde da Fronte Popular de Paradela, persoa de confianza de Xosé Castro Veiga “O Piloto” saíu con grandes feridas emboscada, aparecendo o seu cadáver mutilado polos animais salvaxes un mes despois.

O responsábel da caída deste núcleo da IV Agrupación será o infiltrado Francisco Cano Román Comandante Félix”. Cano Román, tamén coñecido co nome de guerra de “Carlos”, antigo contrabandista, traficante de armas nado en Tetuán en 1908, membro da seguridade franquista onde acadaría a gradación de capitán, operaba no Estado como máximo responsábel dun autodenominado “Exército da resistencia”. Axudado doutros antigos demócratas reconvertidos en colaboradores do réxime, Alvarado e Roberto “O Francés” non tardaron en poñer en marcha diversas operacións encubertas ao longo da península, significándose entre estas un intento de infiltración na guerrilla de Viveiro en maio de 1947, o desmantelamento da dirección clandestina do PCE en Madrid e particularmente a caída da guerrilla asturiana do 27 de xaneiro de 1948, que remataría coa morte de dezanove loitadores antifranquistas, entre eles destacados dirixentes como Onofre, Bóger, Aurelio Caxigal ou os Castiello, representando un golpe decisivo para a oposición armada ao franquismo en Asturias.

A acción dos infiltrados demostraríase eficaz no combate contra o antifascismo

A acción dos infiltrados demostraríase eficaz no combate contra o antifascismo. Malia non ser o factor decisivo na derrota da oposición armada ao réxime, os seus logros ficaron probados en caídas tan importantes como a de Ocero ou a de Chavaga por non saír da área de actuación da II Agrupación. Porén, o operativo articulado arredor do “Comandante Félix” acadou un alcance diferente dada a dimensión e preparación das operacións executadas, a pegada que deixou na memoria popular das zonas onde operou e tamén o personaxe que construíu ao seu arredor.

A pesar de que Cano Roman foi dado oficialmente por morto en 1955, após un estraño accidente do que deu conta o xornal ABC, outras fontes opinan que foi a coartada para dotarse dunha nova identidade. Así é todo, o importante da súa figura é que exemplifica a existencia de toda unha estrutura paralegal no franquismo, que será exportada ao réxime nacido de 1978, para combater á marxe da legalidade ás alternativas que cuestionan a orde vixente.

[Na imaxe do interior desta peza, Elías López Armesto após ser asasinado]