O Comité de empresa de Navantia homenaxea os 38 traballadores do naval ferrolán asasinados no golpe franquista

O Comité de empresa de Navantia homenaxea os 38 traballadores do naval ferrolán asasinados no golpe franquista
Imaxe: @xosem_suarez
Imaxe: @xosem_suarez  

O Ministerio de Defensa non autoriza instalar nunha praza da súa propiedade a placa de lembranza deses operarios asasinados.


O golpe franquista de xullo de 1936 abriu as portas a unha represión brutal que deixou tamén a súa pegada en Ferrol. Un dos exemplos sanguentos desa brutalidade fascista foron os 38 traballadores do naval asasinados na cidade. O Comité de empresa de Navantia quixo este domingo, 14 de abril, lembrar e homenaxear eses operarios, escollendo a data de proclamación da II República española.

“Na memoria dos traballadores do naval asasinados por defender a liberdade e a legalidade republicana. 1936-1939” pon a placa elaborada polos propios operarios de Navantia e que, máis un ano, non puido instalarse no lugar elixido polo persoal do estaleiro. O Ministerio de Defensa, de novo, denegou a autorización para que a placa se coloque nunha praza que, se ben está no exterior do estaleiro, é propiedade deste departamento do Estado español

Ao acto asistiu o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, que lamentou a decisión do Ministerio. O presidente do comité de empresa procedeu a ler, un por un, nome e apelidos dos traballadores do naval asasinados.

Non poucas rúas no Arsenal de Ferrol enxalzan militares franquistas ou episodios glorificados polo réxime. Un grupo demandou a mudanza do rueiro franquista do Arsenal de Ferrol



x