Conxo, psiquiatría e loita de clases na Galiza republicana

Conxo, psiquiatría e loita de clases na Galiza republicana
[Imaxe: Cedida] Psiquiátrico de Conxo.
[Imaxe: Cedida] Psiquiátrico de Conxo.  

É unha desas pequenas xoias que aparecen de cando en vez. As xeografías da loita de clases, as formas de organización do movemento obreiro, o proceso de toma de conciencia das maiorías sociais, a situación de vida dos sectores subalternos, as relacións de poder e a correlación de forzas na Galiza republicana ou mesmo un exemplo refinado de agit prop empresarial. Estamos diante de Psiquiatría, corrupción e loita de clases: A folga do manicomio de Conxo en 1933.


Kazanegra Editora, selo ligado á sección galega da Confederación Nacional do Traballo, vén de sacar do prelo un novo traballo do investigador ferrolán Eliseo Fernández. Fernández, unha referencia inescusábel nos estudos sobre o movemento obreiro e o anarquismo na Galiza, cun abondosa bibliografía onde é complicado escoller algún título sen excluír outros, debrúzase nesta ocasión sobre a loita levada adiante polos traballadores do psiquiátrico de Conxo en 1933 e a folga xeral vivida en Santiago de Compostela en solidariedade cos mesmos.

O traballo, na liña doutras publicacións anteriores do mesmo autor, non fica nun simple exercicio de erudición, malia o abastado dos dados e a achega de fontes inéditas. Pola contra, abre novas liñas que facilitan diversos prismas de interpretación da sociedade compostelá e das súas relacións de poder na encrucillada republicana.

A tradición reivindicativa remóntase á década final do século XIX

A loita dos traballadores do psiquiátrico de Conxo atravesaría todo o período republicano e viviría o seu capítulo final nos primeiros anos da transición. A tradición reivindicativa destes operarios remóntase á década final do século XIX, significándose os conflitos vividos pola situación dos doentes en 1892 e polas condicións laborais en 1897. Terá continuidade en 1920 e 1921, cunha folga de vinte e cinco empregados en marzo dese ano, entrando nunha nova etapa nos anos finais da monarquía e moi particularmente após a constitución da “Sociedade de Camareiros e Empregados do Manicomio de Conxo”.

O sindicato, incorporado á CNT en xuño dese ano, dirixira os importantes conflitos desenvoltos nese centro nos anos iniciais do período republicano, acadando o seu momento central na segunda metade de 1933, após entrar nunha nova fase no mes de xuño co despedimento de traballadores, a detención dalgúns folguistas, o intento de uso de crebafolgas e diversas accións de sabotaxe contra a patronal e as autoridades locais.

O 17 de outubro de 1933 o cadro de persoal do psiquiátrico, formado por máis de cen empregados, axudados por arredor dunha ducia de monxas da Caridade, declárase en folga, sendo seguido polo resto de traballadores da cidade. O paro xeral, convocado para esixir a readmisión de varios operarios despedidos ao longo do conflito na demanda do cumprimento da xornada laboral das oito horas, pero onde a situación dos internos no psiquiátrico ocupaba un papel central, sinalouse pola dureza da represión promovida desde o aparato do Estado.

Detencións dos traballadores

Mentres a cidade ficaba paralizada, os labregos deixaban de acudir aos mercados, sucedíanse as sabotaxes, coa colocación de explosivos na ponte do Sar ou no Café Español da Rúa do Vilar, e comezaban as detencións dos traballadores. Así, o día 19 eran encarcerados dezanove traballadores, sumando a xornada seguinte corenta e chegando a setenta e cinco o día 21, coa folga estendida a toda comarca. O último capítulo da loita dos traballadores de Conxo viviríase en 1977, ao ordenar a xustiza ordinaria a readmisión dun grupo de traballadores expulsados do sanatorio após xullo de 1936 polo seu compromiso democrático e a súa práctica antifascista.

As protestas dos traballadores situaron en primeiro plano as condicións de vida dos máis de mil doentes recluídos no sanatorio. Os folguistas non deixaron de reivindicar o carácter público do centro, propiedade do arcebispado e de financeiros composteláns, así como a situación dos enfermos, até o punto de ocupar un lugar central nos seus manifestos e follas voandeiras.

O traballo de Eliseo Fernández desmonta moitos tópicos sobre o estado da conciencia social do país e afonda en temas tabús dada a súa conflitividade

Malia a escasa atención que mereceu na prensa da cidade, ao servizo dos poderes locais, non puido calar as denuncias de diversos profesionais, que chegaron a caracterizar “a numerosas salas do estabelecemento en lugares inmundos só comparábeis ás mazmorras e asilos de noite de séculos pasados”. Outra constante no centro foi a elevada mortalidade, até o punto de esixir algúns xornais a necesidade de investigar as súas causas, que atribuían á escasa alimentación e aos problemas de salubridade dos peixes e das carnes servidos no mesmo, chegando mesmo a poñer comida procedente de reses afectadas por tuberculose.

O traballo de Eliseo Fernández desmonta moitos tópicos sobre o estado da conciencia social do país e afonda en temas tabús dada a súa conflitividade. A folga dos traballadores do psiquiátrico de Conxo e a solidariedade do conxunto do movemento obreiro compostelán impugna a imaxe interesada dunha Galiza submisa e dunhas clases subalternas carentes de combatividade. A actuación ao longo do conflito do Gobernador Civil da Coruña, Ricardo Gasett Alzugaray, deputado cuneiro durante a Restauración tornado ao republicanismo, evidencia a conivencia dos mandatarios republicanos coas elites económicas e informa sobre as limitacións e carencias do réxime xurdido das eleccións do 14 de abril de 1931. A publicación acompáñase dunha colección de postais editada polos propietarios do estabelecemento que representan un extraordinario documento visual e tamén un exemplo un exemplo refinado de agit prop empresarial.