NAS VÉSPERAS DO 25 CABODANO DO AUTOR DE SCÓRPIO

As cousas mudam, as palavras ficam. Carvalho Calero


As cousas mudam, as palavras ficam. Carvalho Calero

Carvalho Calero morreu o domingo 25 de marzo de 1990, mais na imprensa escrita a nova e as necrolóxicas correspondentes non apareceron até a terza feira día 27.

“Nem passadas de enfermeiras, nem ruído de portas,
nem vozes de doentes, nem rolar de carrinhos con instrumental cirúrgico”

(Reticências... 1986-1989)


As necrolóxicas, xunto cos textos de lembranza, non aparecerían até a terza feira, posibelmente debido á hora de se producir o óbito, por volta das 11 da noite. Carvalho estaba  hospitalizado desde o día 2 de marzo.

Pasaron vinte e cinco anos. A súa casa natal en Ferrol derrúbase; sobre a súa obra e o seu pensamento, especialmente o lingüístico mais non só, paira o silencio, cando non o desprezo e  o sempre reclamado “Día das Letras” non chega.

A figura de Carvalho segue a ser deostada polo mesmo oficialismo que o obsequiou con sentidas “laudatio funebris” nos periódicos desa semana. Mesmo hai quen considera que nada hai que lle recoñecer e que coa estatua erixida en Compostela xa sobexa.

E cal é a razón de tanta aversión, que mesmo se contradi co escrito hai 25 anos na imprensa por quen na altura, se erixían como representantes do galeguismo académico e que conclúen, en xeral, considerando Carvalho como un intelectual honesto, un investigador serio e unha persoa comprometida co seu país. Ou é que só se trataba das elexías póstumas interpretadas por carpideiras de pago?

Inesperadamente
foi-se

Entramos nos quiosques da Galiza de aquel 27 de marzo. Procuramos  as principais cabeceiras. E lemos. 

La Región limítase a informar, na capa, media columna con foto, da hora do enterro de quen considera “una pérdida insustituible”. Dedica tamén a contracapa a recoller reaccións de forzas políticas, de entidades culturais, de asociacións e de personalidades. Por certo que neste periódico, nun momento, fálase da “ valiosa aportación de Ramón Carballo” ao panorama das letras galegas. Fraga, presidente da Xunta na altura, enviou un telegrama, mais para nada tomou a serio a petición de declaración de loito oficial que se pedía desde algunhas entidades.

Ao tempo que se enterraba o seu corpo en Boisaca quérese enterrar tamén o seu pensamento e a súa obra, especialmente a científica, amparándose na disputa normativa

El Ideal Gallego segue o mesmo esquema: noticia na capa e reaccións na contracapa, neste caso salientando a reacción dun “impresionado” García Sabell, os eloxios de Ramón Piñeiro e o chamamento da Mesa pola Normalización Lingüistica a mantermos a memoria de Carvalho.

Artigos de fondo sobre Carvalho só os achamos, ou polo menos eu non os encontrei, en Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Voz de Galicia, cabeceiras que tamén dan a información e recollen as reaccións de diferentes personalidades.

Filgueira Valverde escribe en Faro de Vigo un artigo titulado “Carballo Calero” en que lembra os tempos do Seminario de Estudos Galegos e fai un repaso pola súa produción literaria e científica para acabar concluíndo que en Carvalho Calero predominou “a entrega á máis estrita ética cultural”. E xa está. 

No mesmo día 27 e na mesma páxina 9, en La Voz de Galicia escriben Carlos Casares (á altura director de Galaxia), Constantino García (director do ILG) e  Domingo García-Sabell (presidente da RAG).

Casares, como era habitual nas columnas que publicaba neste medio, céntrase en desenvolver unha anécdota: como de simpático e alegre era Don Ricardo, simpatía exemplificada nun acto no Pazo de Mariñán cantando xuntos o Romance de Don Gaiferos. Nesta mesma liña eran as declaracións de Casares a La Región acrecentando ademais que Carvalho tería un caracter “serio e pouco fácil”, o que facilitaba que o seu “talento fose dirixido máis ao terreo investigador do que ao creador”. 

Constantino García lembra como coñeceu Carvalho nos días previos ao proceso de solicitude da cátedra de Filoloxía Galega que logo ía ocupar Don Ricardo e descóbrenos unha curiosa mudanza na perspectiva que cada un tería con respecto á posición do galego dentro da romanística: segundo o artigo, cando Constantino chegou a Compostela era unha persoa máis próxima ao mundo lingüístico “galaicoportugues” do que Carvalho, que  sería partidario de “afastar o galego do portugués” e algúns anos despois “Don Ricardo abandonou o meu mundo de entón e de agora e pasou á postura que eu tiña cando cheguei a Santiago: o mundo galaicoportugués".

A obra de Carvalho, mesmo a científica, non está exenta de ideoloxía, unha ideoloxía que chocaba frontalmente co concepto que da Galiza tiña, e ten, o poder político e o académico, antes e agora

García-Sabell, que no momento do enterro de Carvalho asistía ao programa de Jesús Hermida " A mi manera", nun artigo bastante máis amplo que os anteriores, envolve nunha arrevesada reflexión, case metafísica, o que non deixa de ser outra simples anécdota e que o sitúa como un bon cumpridor das obras de misericordia. Conta que visitou Carvalho no “Sanatorio” estando un, Carvalho, ignorante da doenza que tiña e o outro, García-Sabell, sabedor da gravidade da mesma e como desenvolveu con el unha sesión de “psicoterapia”, que era o que perseguía, despois da cal Carvalho  “rematou rindo” e García-Sabell satisfeito de ter feito unha boa obra.

Tamén en La Voz de Galicia do día 27, Álvarez Pousa escribe sobre Carvalho esta vez considerándoo un “un exiliado interior” cun traballo insubstituíbel como conferenciante, articulista, poeta, fabulador e catedrático “na hora decisiva do si ou do non da lingua galega, que era para el como para moitos un problema político e moral aínda por resolver”. Mais dito isto, non desaproveita Álvarez Pousa a ocasión para censurar “o seu posicionamento a prol do reintegracionismo, que a moitos nos segue parecendo un desatino”.

En El Correo Gallego, na súa páxina de cultura, escribe Agustín Sixto Seco, un texto de título "Na memoria de Don Ricardo, mestre e amigo". Como anécdota, sinalar que o texto de Sixto Seco aparece na páxina 30 e na anterior, a 29, dáse conta de que Constantino García foi reelexido secretario da RAG, ao tempo que se mencionan algúns dos acordos tomados: “felicitar moi efusivamente a Xosé Filgueira Valverde polo premio Trasalba”. Mais voltemos ao  texto de Agustín Sixto Seco. Despois de lembrar un par de anécdotas relativas ao seu propio expediente académico, Sixto Seco torna ao tema lingüístico para afirmar ser depositario dunha confidencia de Don Ricardo: "Eu son, con unha das miñas colaboradoras profesionais que o estimaba cordialmente, testemuña excepcional do impacto anímico que derradeiramente lle tiña producido o sempiterno e incómodo conflito lingüístico no que el se sabía parte comprometida. En obrigada louvanza da súa memoria, algún día poderase divulga-lo impresionante relato do que somos casuais depositarios a miña colaboradora e máis eu mesmo, e que recolle a confidencia dunha entenrecedora ensoñación que Don Ricardo tivera a noite anterior". 

A figura de Carvalho segue a ser deostada polo mesmo oficialismo que o obsequiou con sentidas “laudatio funebris”

Ignoro se esta confidencia se fixo pública mais os textos citados mostran, creo, que desde o mesmo momento da morte de Carvalho, e mesmo antes, a prensa recolle a intencionalidade de quen na altura ostentaba a dirección en ambientes académicos ou editoriais aos que Carvalho estivera moi ligado: ao tempo que se enterraba o seu corpo en Boisaca quérese enterrar tamén o seu pensamento e a súa obra, especialmente a científica, amparándose na disputa normativa. Mais non nos enganemos, pois a obra de Carvalho, mesmo a científica, non está exenta de ideoloxía, unha ideoloxía que chocaba frontalmente co concepto que da Galiza tiña, e ten, o poder político e o académico, antes e agora xuntos para lexislar contra a nosa lingua, para borrar a nosa cultura, para privarnos de sermos nós. E como temos a súa obra non precisamos confidencias.

E essa arela impossível
fai possível a história

Pasado o día 27 e enterrado Carvalho, aínda houbo algún eco na imprensa. O Suplemento de El Correo Gallego de 1-4-90 recolle unha nota de Miguel Anxo Fernán-Vello onde, nun ton elexíaco, lembra a figura de Carvalho: “Agora, cando a primavera ainda estrea a cor adolescente dos primeiros días, don Ricardo baixa paseniño a corrente da ría que o leva ao mar da fisterra, onde morará por sempre, cos bos e xenerosos, nas illas liberadas do futuro”

Tamén no mesmo día 1 de abril, domingo, de 1990 La Voz de Galicia publica, en dupla páxina, unha entrevista de Luis Villamor na que Carvalho repasa a situación da lingua, da literatura e da política para concluír que “o galeguismo é unha forma de modernidade e o antigaleguismo unha forma de arcaísmo”.

Dous días antes desta entrevista aparecida en La Voz, A Nosa terra publica un estracto de outra realizada por Antonio Mascato e publicada no número 328, de decembro de 1987.

A partir de aquí a lembranza de Carvalho na imprensa ... desaparece. E aqueles que nunca puideron aceptar, soportar, a súa coherencia intelectual e o seu non entreguismo político, aqueles que cinicamente fixeran o pranto fúnebre, cairon sobre a memoria de Carvalho, ignorantes de que “aquel que no horizonte duas vezes enxergou o cometa” vive longamente porque “as cousas mudam, as palavras ficam”.

A foto mostra o estado de ruína en que se acha a casa de Carvalho en Ferrol, a ilustración é un debuxo de Seoane.