NOVO LIBRO DO HISTORIADOR DIONISIO PEREIRA

Os cronistas galegos das guerras do Rif

Os cronistas galegos das guerras do Rif
O historiador Dionisio Pereira (dereita) e Abdelhamid Raiss, neto do líder anticolonial rifeño Abd el Krim e autor do prólogo de 'Escritos africanos. Foto: cedida.
O historiador Dionisio Pereira (dereita) e Abdelhamid Raiss, neto do líder anticolonial rifeño Abd el Krim e autor do prólogo de 'Escritos africanos. Foto: cedida.  

Como tres xornalistas soldados procedentes de Galiza relataron as guerras coloniais españolas no Rif ocupa a metade do novo libro do historiador Dionisio Pereira (A Coruña, 1953), Escritos africanos. Entre Galiza e o Rif. Unha ollada desde a periferia. A outra metade ocúpana estudos específicos sobre ese territorio actualmente marroquí, onde Pereira reside desde 2013.
 


Publicado en castelán polo Servizo de Publicacións da Cidade Autónoma de Melilla, Escritos africanos. Entre Galiza e o Rif leva limiar de Abdelhamid Raiss, amigo persoal do autor e neto do líder anticolonial rifeño Abd el Krim. É Raiss quen relata como Pereira se afeccionou “ás excursións organizadas pola Asociación Memoria do Rif, o que lle permitiu coñecer de preto a contorna rifeña, os seus costumes, as súas culturas e a súas historias”.

CUB_Escritos africanos

E tamén, de xeito salientábel, detectar certa pegada galega. Galegos nas guerras do Rif. Paisaxe bélica e imaxinario anticolonial, 1860-1927 é o título do ensaio dun cento de páxinas en que Dionisio Pereira se debruza sobre a cuestión. “Naquela xeografía torturada polos sanguiñentos episodios que sucederon desde a denominada Guerra de África (1859) e, sobre todo, despois da Semana Tráxica (1909), tamén se falou con sotaque galego e a presenza dos nosos compatriotas tivo certa continuidade nesa época, tanto no campo castrense como no civil”, escribe.

Ese campo civil incluíu algúns cronistas e soldados, que, andando o tempo, significaríanse no galeguismo. Foi o caso de Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey; de Valentín Paz Andrade, e do agrarista Manuel Mesejo, cuxos despachos de guerra analiza Dionisio Pereira polo miúdo. Faro de Vigo, El Progreso de Pontevedra, La Zarpa de Ourense, El Socialista, Galicia ou La Libertad de Pontevedra son algunhas da cabeceiras que os publicaron.

“Contrariamente ao que aconteceu con algún destacado escritor español, como Ramón J. Sénder, os tres xornalistas-soldados galegos procedentes da pequena burguesía de urbes e vilas”, explica o historiador nas conclusións do seu traballo, “partisen xa de inicio dunha posición refractaria coa actuación militar española no Rif”. Os tres facían parte do “embrionario proceso de nacionalización galega” e esa sensibilidade, entende Pereira, intuíase nos seus textos xornalísticos.

Ademais, Ben-Cho-Shey -que adoptou o alcume neste período-, Paz Andrade e Mesejo contribuíron “a rachar coa invisibilidade do colectivo galaico no interior do corpo expedicionario colonial”. O seu discurso “afástase deste xeito da narrativa hispana de carácter progresista, identificada cun 'soldado español' de monolítica e unidimenasional idiosincrasia que agochaba unha complexa diversidade identitaria na tropa”.

Mais a ollada galega e complexizante ás propias tropas españolas non atinxiu “a contrución do Outro, do inimigo común contraposto como encarnación do mal”. Nese punto, o colonialismo español “resultou máis eficaz”. “Os cronistas galegos elaboraron un discurso propio tomando distancias co casticismo hispano, aquel quedou a medio camiño na construción dun imaxinario anticolonial que posibilitase o encontro galaico reifeño”, conclúe Dionisio Pereira.

O historiador presentará Escritos africanos esta sexta feira 26 de abril en Melilla e o 9 de xuño en Al Hoceima, capital do Rif.