'A VOLTA DAS NOVE'

Cruces como símbolo de rebeldía antifascista e feminista

Cruces como símbolo de rebeldía antifascista e feminista
[Imaxe: IEM] Ulpiano Iglesias, orfo dun dos asasinados, emocionado na apertura da foxa de San Xian onde estaba o seu pai, xunto ás informantes
[Imaxe: IEM] Ulpiano Iglesias, orfo dun dos asasinados, emocionado na apertura da foxa de San Xian onde estaba o seu pai, xunto ás informantes  

O tradicional evento no que o Instituto de Estudos Miñoráns homenaxea as nove persoas asasinadas por falanxistas no 36 encara a súa última semana de actividades, que este ano estiveron centradas na lembranza da represión contra as mulleres do Val Miñor.


O 16 de outubro de 1936, no lugar da Bombardeira, foron asasinadas por falanxistas nove persoas veciñas das parroquias de Baredo, Baiona e Panxón (Nigrán). A partir dese momento, ese punto pasou a ser coñecido popularmente como A Volta dos Nove, en recoñecemento á memoria das vítimas da represión fascista.

Ademais, durante décadas, a xente, a veciñanza, debuxou no chan de area nove cruces que lembraban as nove asasinadas, nunha acción anónima que desconcertaba as autoridades franquistas, que non só ordenaban o seu borrado inmediato, senón que chegaron a instalar patrullas da Garda Civil na zona para impedir que as seguisen pintando, mais sen éxito.

Como Penélope ante o seu tear agardando por Ulises, daba igual cantas veces desfixesen as cruces, sempre alguén volvía pintalas. “Todo un pobo negouse a esquecer e, por iso, A Volta da Bombardeira converteuse en icona da memoria colectiva da Galiza, representada en nove cruces que un tempo tras outro aparecían no punto en que o terror segara a vida dos nove miñoráns”, explica Montse Fajardo, coordinadora das xornadas A Volta das Nove.

A represión, en feminino

Este é o primeiro ano en que as xornadas están dedicadas integramente a unhas mulleres que, como apunta a súa coordinadora, “non son só as principais transmisoras da memoria, senón que tamén padecen unha tipoloxía represiva propia que moitas veces queda opacada polos asasinatos”. “Porque morrer é terríbel, pero vivir ás veces tamén é moi difícil, xa que sempre focalizamos nos que quedaron naquela Volta, pero alí tamén quedou truncada a vida das mulleres ao seu redor”, engade Fajardo para Sermos Galiza.

04- As mulleres sufriron agresións sexistas como a rapa. Na imaxe, Juana Otero, de Vilagarcía-A Memoria das MulleresO nome de A Volta das Nove, e non Dos Nove, débese a que desde o IEM queren “reivindicar” a memoria desas nove mulleres que, ao mellor, non sufriron a represión dunha maneira tan directa como é a morte, pero que quedaron con 31 criaturas ao seu cargo e condenadas para sempre a pasar unha vida moi dura para saír adiante”.

“Esas mulleres pasaron a ser unha especie de apestadas, con enormes dificultades para conseguir traballo e cunha vida totalmente truncada polo asasinato do home”, como certifica Juan Antonio González Pérez, actual alcalde de Nigrán, no seu libro Nigrán. Memorias dunha Guerra- 1936-1939. Nese volume recóllese a testemuña de Manuel Guisande, fillo dunha desas viúvas dos Nove, que relata como a súa nai “a golpeaban e dábanlle patadas por todo o corpo estando embarazada para que dixera onde andaba meu pai, e incluso nunha ocasión prendéronlle lume no pelo”.

Última semana de ‘A Volta das Nove’

Cun programa de actividades que inclúe coloquios con familiares de vítimas e investigadoras, proxeccións de documentais ou conferencias, A Volta das Nove abre a súa última semana de actividades cunha charla de Inma López Silva no Auditorio de Nigrán na cuarta feira ás 20 horas; continúa coa conferencia de Valentín García Bóveda na sede do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) na sexta ás 20; e, finalmente, conclúe cun acto homenaxe ás familias do Val Miñor represaliadas, que terá lugar no cemiterio de Baiona o sábado 26 ás 12 horas.

Ese acto xirará ao redor da instalación dunha placa conmemorativa, algo que foi posíbel grazas ao cambio na alcaldía do Concello de Baiona, pois o anterior Goberno, do Partido Popular, “non” lles deixaba poñer a placa, segundo aclara Montse Fajardo.