PRESENTACIÓN EN COMPOSTELA DO MONOGRÁFICO DE 'TERRA E TEMPO'

Sobre a cultura galega na longa noite de pedra

Sobre a cultura galega na longa noite de pedra
Detalle da cuberta do monográfico de 'Terra e Tempo' sobre asociacionismo cultural durante o franquismo. Imaxe: cedida.
Detalle da cuberta do monográfico de 'Terra e Tempo' sobre asociacionismo cultural durante o franquismo. Imaxe: cedida.  
O movemento cultural galego. 1961-1976 é o título co que a revista Terra e Tempo repasa o activismo cultural durante a longa noite de pedra franquista. Trinta e dúas autoras escriben sobre 25 asociacións culturais nun volume que se presentará en Compostela a vindeira cuarta feira, 17 de setembro, ás oito e media do serán.

O acto será no Espazo Enocultural Vide, vide!, organizado pola asociación cultural O Galo, e contará coa presenza de catro persoas no seu día membros daquelas agrupacións e que achegaron textos ao monográfico. Trátase de Pilar Allegue, de Amigos da Cultura de Pontevedra e do Club de Amigos da Unesco en Madrid; André Fernández Places, do Eixo de Compostela; Henrique Harguindey, do Facho da Coruña; e mais Xesús Sanxuás, do Galo de Santiago. Coordinará a presidenta actual do Galo, María Antonia Pérez.

“Queríamos publicar esta información para que a memoria das asociacións culturais non ficara arrombada nos faiados das casas, entre papeis vellos que xa nin se remexen”, explica a Fundación Terra e Tempo, responsábel da publicación. Mostras de teatro, ciclos de cinema, unha rede editorial, a revalorización da música tradicional foron algúns dos resultados daquel movemento co que “un sector da mocidade rachou unha dinámica cultural paternalista e desgaleguizadora”.

O Terra e Tempo número 180 é unha das contribucións máis completas á radiografía do asociacionismocultural na Galiza durante a ditadura.