De como Darwin chegou a Pontevedra, por Xoán Costa

De como Darwin chegou a Pontevedra, por Xoán Costa

Cara ao ano de 1900, segundo os datos de Foro-ciudad.com, Pontevedra non chegaba a 20.000 habitantes, aproximadamente a metade da Coruña, mentres que Santiago e Ferrol andarían polos 25.000, Lugo 27.000 e Vigo  23.000. Só Ourense, con 15.000 habitantes, ficaría por baixo de Pontevedra.

Isto non foi inconveniente para que a cidade gozase dun ambiente de grande inquietude cultural.

Sen titulo

En 1888 publicábanse seis xornais diarios, o que implicaba un amplo abano de personalidades á súa beira, moitas delas relacionadas coa docencia, como é o caso de Domingo Erosa Fontán, nado en Arcos da Condesa en 1820 e mestre en Padrón desde 1860. Fontán traballou para ofrecer novos métodos de aprendizado, foi colaborador habitual de revistas como a Revista  da Sociedade de Amigos do País, textos orientados para o  coñecemento do medio natural, así como informacións e discusións sobre comercio e infraestruturas.

Afastada dos focos que na altura iluminaban os salóns da cultura, isto é a Universidade, a cidade podía presumir dunha actividade cultural que nada envexaba á de outras cidades, incluída a propia Compostela.

Talvez fose este contexto o que facilitou que en 1870 entrase no Instituto de Pontevedra o libro A Orixe das especies, na súa edición francesa e traducido po Clémence Royer, bastantes anos antes de un exemplar desta obra chegar á Universidade de Santiago, na altura aínda empeñada en demostrar que a orixe da especie humana nada tiña a ver cos macacos.

A través desta tradución,Clémence Royer foi realmente a introdutora do Darwinismo en España. Daquela os intelectuais españois non lían, apenas, en inglés e a versión francesa foi a que máis se estendeu até que en 1876 chegou a tradución para español, baixo o título El origen del Hombre. La selección natural y la sexual publicada na imprensa de La Renaixensa, que primeiro foi revista e despois periódico e canalizou durante máis de trinta anos as inquietudes do catalanismo da man de  Pere Aldavert e Angel Guimerà. Aínda que non consta o nome do tradutor hoxe sabemos que foi Joaquín M. Bartrina, poeta e autor dramático ligado ao movemento realista.

Se a  traducción de Bartrina foi a primeira no ano seguinte saíu a máis divulgada e a máis esperada, a de Enrique Godínez, a quen o propio Darwin autoriza por carta para facer a tradución sobre a sexta edición do orixinal inglés e logo aproba e parabeniza, noutra carta, o tradutor polo traballo desenvolvido.

Non tan de acordo estivo Darwin coa tradución de Clémence Royer que chegou a Pontevedra. Primeiro porque a tradutora incluíu no libro un prólogo da súa autoría e múltiples notas cuestionando algunha das formulación de Darwin, sendo ela darwinista confesa,  que xeraron moita polémica. Tanta que Darwin decidiu mudar de tradutor.

Clémence criticaba esencialmente o coidadoso que era Darwin, por medo á Igrexa, coas referencias á aparición do ser humano, e coa consideración que tiña sobre a muller, que - dicía el – por natureza é inferior ao home.

Fronte a esa idea ela argumentaba “ A muller é o animal que o home menos coñece”. E de outra cousa estaba segura: era urxente liberar, mediante a educación, as mulleres da influencia da Igrexa para así poderen exercer en liberdade os seus dereitos civís, como o do voto.



x