A Xunta defende a festa de Samaín na illa de San Simón

A Xunta defende a festa de Samaín na illa de San Simón
[Imaxe: CC] Vista de San Simón e a Ponte de Rande
[Imaxe: CC] Vista de San Simón e a Ponte de Rande  

A Administración sostén que a actividade é de carácter “familiar, educativo e formativo, e que está deseñada especificamente para poñer en valor o legado histórico e cultural da illa”, alporizando as asociacións da Memoria, que a acusan de “falta de criterio” e de “frivolizar” cos mortos da represión.


Perseguíronos con saña / Detivéronos con sevicia.

Torturáronos con sadismo / Encarceráronos sen causa.

Xulgáronos sen xustiza / Paseáronos sen piedade.

Contra o exterminio atroz / das súas vidas desfeitas

e contra o esquecemento inxusto / do silencio cómplice

queremos manter viva para sempre / a memoria galega

das vítimas do fascismo.

 

Son estes versos tan só un pequeno extracto do poema recitado por Claudio Rodríguez Fer na Homenaxe Nacional ás vítimas da represión franquista que a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) levara a cabo en San Simón no ano 2011, coincidindo co 75 aniversario da sublevación dos alzados.

Após oito anos, o uso da illa como forma de tributo e lembranza ás centos de vítimas mortais e ás miles de persoas presas no campo de concentración que albergaba, tal e como a concibira o bipartito, esmorece, dando paso a unha concepción mercantilista da historia onde parece que todo vale, incluída unha polémica festa de Samaín programada na véspera de Defuntos e que provocou a indignación dos colectivos da Memoria. 

Inquirido por Sermos Galiza sobre a súa postura ante a actividade e a posibilidade de suspendela a raíz das queixas das asociacións de vítimas, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galiza deféndea, respondendo que a empresa organizadora, Naviera Nabia, “solicitou autorización para a realización dunha actividade, no contexto do Samaín, de carácter familiar, educativo e formativo, que constará dunha visita guiada pola Illa para coñecer a súa historia e contorna cultural e natural; e despois da cea, os participantes intervirán nunha acción consistente en probas educativas e culturais deseñadas especificamente para poñer en valor o legado histórico e cultural da Illa, adaptadas a todas as idades”.

Ademais, o departamento comandado por Román Rodríguez apostila que San Simón “é un espazo cunha alta carga simbólica” que, entre outros usos, foi “refuxio monacal, lazareto para doentes infecciosos ou cárcere do réxime franquista”, e hoxe “desenvólvense ao longo do ano múltiples actividades”, desde “encontros de creadores, seminarios e festivais de música” até “un acto de homenaxe ás vítimas da represión franquista organizado polas asociacións da Memoria Histórica cada 18 de xullo”.

Unha actitude da Administración "gravísima", di a IGM

A Iniciativa Galega pola Memoria considera que as declaracións da Consellería “demostran que isto non foi unha acción pouco meditada da empresa, senón unha idea da propia Xunta que encaixa na súa liña de actuación, así como na dun conselleiro de Cultura que apoia todo este tipo de actividades sen nada que ver coa Memoria e co único obxectivo de resignificala”.

“Por iso, se a Xunta non ten suficiente criterio para entender algo tan básico como que unha zona que foi un campo de concentración non é compatíbel co desenvolvemento de certas actividades, a partir de agora pedimos que non se faga ningún tipo de acto na illa, alén dos propios da Memoria”, engaden.

Por último, a IGM apunta que continuará coa súa campaña para lograr a cancelación da festa de Samaín, e sitúa a reacción cidadá ante esta “aldraxe” como un “exemplo”: “A resposta da cidadanía foi incríbel, non podemos cuantificar todo o apoio que recibimos en redes sociais, a través de correos, cadeas de WhatsApp... como sempre, é a xente quen lle está dando unha lección á Xunta, ensinándolle que hai que ter máis respecto e non frivolizar coa memoria das vítimas”.