EN CUMPRIMENTO DA LEI DE MEMORIA HISTÓRICA

A Deputación mudará o nome do IES Calvo Sotelo da Coruña

A Deputación mudará o nome do IES Calvo Sotelo da Coruña
IES Calvo Sotelo
IES Calvo Sotelo  

O Pleno apoia, coa abstención do PP, a proposta da AC Alexandre Bóveda.


"Un centro de ensino non pode levar o nome dunha persoa como Calvo Sotelo". Esta reflexión, recollida na proposta presentada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda ao pleno da Deputación para mudar o nome do IES coruñés que leva desde hai décadas ese nome, foi partillada esta sexta feira por boa parte dos deputados e deputadas da entidade provincial. Agás o PP, que se abstivo alegando que os informes ao abeiro da Lei da Mamoria Histórica non afectaban Calvo Sotelo.

Mais este político dereitista nado en Tui e que foi ministro durante a ditadura de Primo de Rivera, foi "responsabilizado directamente polo presidente do Consello de Ministros, o coruñés Casares Quiroga, da sublevación militar do 18 de xullo de 1936", lembra a proposta da asociación cultural. PSdeG, BNG, Compostela Aberta, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños apoiaron a proposta.

Nun principio, a moción da Alexandre Bóveda pedía que o nome de Calvo Sotelo fose substituído polo de María Miramontes, galeguista, implicada no labor e compromiso co país en múltiples campos, do ensino ao editorial, e compañeira de Ánxel Casal, alcalde nacionalista de Compostela asasinado en 1936. Porén, o nome que levará o centro será decido nunha sesión posterior. Nesta acordouse retirarlle o de Calvo Sotelo.

Xosé Regueira (BNG) afirmou na súa intrvención que é unha "anormalidade" que un instituto público galego leve o nome de Calvo Sotelo, ao tempo que lembraba que a circular que no seu día publicou a Xunta instando centros de ensino a variar os nomes que levaban, por ser de implicados na ditadura, foron cumpridas por 8 centros mais fican 3 onde persisten as denominacións ligadas ao franquismo. Manolo Dios (Compostela Aberta) sinalou a importancia de afondar na recuperación da memoria fronte ao franquismo e a nova extrema dereita.

Calvo Sotelo ten sido albo nestes anos de múltiples reprobacións en Galiza por parte de diferentes institucións. Un exemplo claro é o do pleno da Deputación de Pontevedra de 29 de xullo de 2016, que aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos retirar a Calvo Sotelo o título de Fillo Predilecto da provincia. En Curtis (alcaldía do PP con maioría absoluta) foi substituída a rúa Calvo Sotelo de Teixeiro por Buenos Aires. O pleno de Pontedeume de 14 de xullo de 1989, sendo Belarmino Freire alcalde polo PSOE, acorda mudar a praza Calvo Sotelo pola tradicional Praza Real. En Pontevedra, alcalde do BNG, mudan en 2002 a rúa Calvo Sotelo por rúa da Estación. En Sarria, alcalde do PSOE, o pleno de decembro de 2016 aproba mudar a rúa Calvo Sotelo por Liberdade. 

A moción aprobada pola Deputación inclúe tamén o compromiso de colocar unha placa cos nomes dos cargos públicos das corporacións municipais que padeceron a represión e organizar un grande acto público de homenaxe aos cargos públicos e funcionariado da Deputación e das corporacións municipais que foron vítimas da barbarie e da represión franquista.



x