A Deputación publica todos os cargos represaliados dos concellos da Coruña

A Deputación publica todos os cargos represaliados dos concellos da Coruña
Emilio Grandío e Goretti Sanmartín na presentación do proxecto 'Xeración Perdida'
Emilio Grandío e Goretti Sanmartín na presentación do proxecto 'Xeración Perdida'  

Na listaxe podemos atopar desde exiliados como Santiago Casares Quiroga, ou sancionados como Enrique Rajoy Leloup (avó do actual presidente do Goberno español e un dos redactores do Estatuto galego) a alcaldes asasinados como Ánxel Casal (Compostela), Alfredo Suárez Ferrín (A Coruña) ou Jaime Quintanilla (Ferrol), estes últimos asasinados.


Un total de 300 nomes compoñen a base de datos de concelleiros e alcaldes represaliados nos concellos da Coruña que a Deputación publica despois dunha investigación que botará luz sobre as corporacións democráticas anteriores a 1936. A vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, e o director do proxecto, Emilio Grandío, fixeron pública a primeira listaxe dunha investigación pioneira.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou a primeira fase do proxecto “Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña” que naceu despois da homenaxe ás corporacións democráticas que se desenvolveu o pasado mes de xullo.

“Naquel acto rendiamos homenaxe a concelleiros e concelleiras ademais de alcaldes que foron vítimas da cruel represión que se desatou despois do golpe militar”, lembrou Goretti Sanmartín daquel acto celebrado na propia sede da Deputación e presidido polos retratos de José López Bouza e Ánxel Casal, que foran presidente e vicepresidente da Deputación.

“Manexabamos unha primeira listaxe mais detectamos a ausencia dun estudo profundo e rigoroso que botase luz sobre as corporacións que foran asoladas pola represión fascista”, dixo a vicepresidenta da Deputación que promoveu, naquel momento, o inicio dunha investigación que se encargou ao profesor Emilio Grandío e un equipo composto por Eliseo Fernández Fernández, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo e que contou tamén coa colaboración de destacados coñecedores da historia local como Juan Sobrino (Eume), Manolo Pazos (Ordes), Henrique Sanfiz (Fene), Carlos Castro (Neda), Bernardo Máiz (Ferrolterra), Xoán Hermida (Barbanza), Xesús Torres (zona de Betanzos), Xosé Luís Rivas (Boimorto) e Luís Lamela (Costa da Morte).

Goretti Sanmartín: “O que hoxe presentamos é, pois, unha primeira base de datos con nomes de concelleiros e unha concelleira e alcaldes e as formas de represión da que foron vítimas"

“O que hoxe presentamos é, pois, unha primeira base de datos con nomes de concelleiros e unha concelleira e alcaldes e as formas de represión da que foron vítimas, un total de 300 nomes que dan dimensión dunha traxedia e dunha represión que buscou, entre outras cousas, descabezar o noso país”, explicou Goretti Sanmartín ao tempo que destacou que, de todos os nomes, só 34 non estaban en activo en 1936, o que demostra que “a violencia fascista se cebou nos representantes institucionais que estaban á fronte dos gobernos dos distintos concellos”.

Fixo especial mención á figura da concelleira de Boiro, Brígida Muñiz, a única muller que aparece na listaxe mais que convida a reflexionar “sobre unha represión aínda máis oculta que é a de todas as mulleres que, coma ela, foron rapadas e humilladas e viron a súa vida truncada despois do golpe militar”.

Chamamento aos concellos para lembrar e homenaxear

A vicepresidenta da Deputación destacou que o proxecto “Xeración Perdida” se convertese nunha “importante ferramenta que se pon a disposición dos concellos para que poidan facer homenaxes e restituír a memoria de quen nos precedeu nas corporacións municipais que merecen ser lembrados e recoñecidos despois de décadas de silencio”.

A base de datos desvela os nomes de cargos institucionais maiormente anónimos que se completará, ao final do proxecto, coa reconstrución completa das persoas que compuñan as corporacións municipais anteriores a 1936. “A conclusión, a día de hoxe, é que a represión quixo decapitar as ideas máis avanzadas, as biografías máis modernas e as persoas implicadas na creación dun mundo mellor e máis igualitario”, engadiu Goretti Sanmartín.

O investigador Emilio Grandío destacou o carácter “pioneiro” da Deputación da Coruña á hora de desvelar a historia da represión nos concellos da provincia e anunciou tamén unha segunda fase da investigación que se completará coa achega da xente á que se lle pide colaboración a través do correo electrónico: [email protected]

Emilio Grandío: “O traballo completarase coa listaxe de 2.500 persoas xa identificadas que formaban partes das corporacións republicanas"

“O traballo completarase coa listaxe de 2.500 persoas xa identificadas que formaban partes das corporacións republicanas, as fontes coas que se traballou, un repertorio de bibliografía local e unha listaxe de investigadores para que se afonde e se saiba o que existe”, explicou Emilio Grandío que engadiu que o proxecto incorporará tamén fotografías de representantes públicos das corporacións republicanas nun arquivo para o que se recompilaron xa 150 imaxes.

O director do proxecto de investigación destacou o “arduo traballo” desenvolvido para “recuperar as figuras dos representantes públicos da democracia que estaban esquecidos”. “A base de datos demostra que o 80% das vítimas foron representantes en activo o que dá dimensión do obxectivo da represión”, dixo.

“Na medida en que o novo réxime quixo castigar os responsábeis das políticas desenvolvidas no período republicano ou as persoas que participaron na organización da resistencia ao golpe militar, as corporacións municipais foron un dos principais obxectivos da represión”, anota na explicación do proxecto.