A orixe da denominación 'Día da Patria Galega' contada por Bautista Álvarez

A orixe da denominación 'Día da Patria Galega' contada por Bautista Álvarez
Bautista Álvarez, durante un momento do documentario
Bautista Álvarez, durante un momento do documentario  

O 25 de xullo de 1968 a UPG convoca unha manifestación en Compostela e faino por vez primeira baixo a denominación actual, Día da Patria Galega. Nun fragmento dun documentario realizado en 2004, o histórico dirixente Bautista Álvarez (1933-2017) explica como se chegou a ese rótulo para designar a mobilización por excelencia do nacionalismo galego. 


Mediados da década dos 60. O nacionalismo galego opera en condicións de clandestinidade. A represión dos aparatos da ditadura continúa a ser moi dura contra as e os militantes das organizacións soberanistas e de esquerda. Nese contexto un fato de mozos nacionalistas galegos estabelecido en Madrid planifica a restauración do que as Irmandades da Fala deron en chamar o "Día de Galicia".

"Non había unha denominación clara", relata Bautista Álvarez. "Sei que n'A Nosa Terra apareceu en 1920 un editorial ou un artigo de Risco titulado 'Día da Patria' [non aparecía o adxectivo galega]", engade. O certo é que á altura da década dos 60 do pasado século o nacionalismo non dera consolidado unha denominación para a xornada de celebración e reivindicación dos dereitos nacionais de Galiza.

Álvarez narra que mantivo en Madrid conversas con Xosé Luís Méndez Ferrín, anos 1967-1968, e o resto de nacionalistas que moraban na capital do estado, visando darlle ao 25 de xullo unha dimensión política, "porque até daquela o que se celebraba era unha misa a Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres, onde se xuntaban todos os galeguistas románticos".

Screen Shot 2018-07-13 at 20.30.18"Lembro que Ferrín me perguntou: e como lle poñemos?". Bautista Álvarez tiña nese momento na cabeza o Aberri Eguna, o Día da Patria Vasca, así que contestou: "Pois Día da Patria Galega". Así ficou fixado o nome co que pasaría a ser comemorado durante xa logo cinco décadas. O autor da denominación recebeu tamén o encargo de redixir un manifesto para o 25 de xullo de 1968. "Fíxose un manifesto que dicía 25 de Xullo, Día da Patria Galega, acude a Santiago de Compostela", lembra Álvarez. No documento "e de maneira esquemática" defendíase o dereito de Galiza á súa autodeterminación, "había que condensar moito as mensaxes", enfatiza.

Este relato aparece nun fragmento do documentario Bautista Álvarez, unha vida para a nación, un traballo dirixido en 2004 por Lois Diéguez, Carme Vidal e Xoán Carlos Garrido e producido pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas.  O extracto dura por volta de 2 minutos, editados por Alberte Mera e incorpora como elemento novidoso a respecto da versión orixinal a fotografía da pancarta pendurada na Alameda de Compostela o 25X de 1968 e, ao remate, imaxes do manifesto-convocatoria distribuído pola UPG.



x