Diva do bel canto e comprometida co abolicionismo

Diva do bel canto e comprometida co abolicionismo
Dous escravos e unha ama branca. Imaxe de arredor de 1860. Autor non identificado.
Dous escravos e unha ama branca. Imaxe de arredor de 1860. Autor non identificado.  

Magdalena Pirola foi unha diva do bel canto. Francisco María de la Iglesia, que dedicou varios poemas a actrices e entre elas sentiu preferencia polas divas do bel canto que traían á Coruña os éxitos europeos, tamén escrebeu á Señorita Pirola (Salvo De la Iglesia, todas as demais referencias falan de señorita Pirola, como corresponde á orixe italiana do seu apelido).

A SEÑORITA PIROLA,

PRIMA DONA NO TEATRO DA CRUÑA,

O DÍA DO SEU BENEFICIO

Mandoute o ceo acá, branca cantora,
Para arrolar no peito a nosa alma,
ou para queimar nel feitizadora
Cos teus doídos sons a doce calma ...?
Que strela te guiou à terra nosa?
Que sprito celestial ou saga fada
Che prestan esa voz nemoricosa
Que a alma asi nos deija encautivada?
A estrela foi do gènio que á este porto
Á santa inspiración che fai traguere 
Ou para o folgo nôso hoxe.

O texto completo pode lerse aquí

 

Mais, quen é esa señorita Pirola "artista que ha cantado con gran éxito durante la primavera en el teatro Vittorio Emmanuelle de Turin" e “con aplauso en la Scala de Milán" segundo La Correspondencia de España, 10 de xullo de 1862. Polo mesmo periódico sabemos que o seu nome é Magdalena e que actúa como "prima donna" na categoría de ópera italiana. No Diccionari del teatre a les Illes Balears, Volume 2 aparece como actriz moi destacada.

En 1857 aparece como "primera tiple absoluta" na inauguración do novo teatro de Palma e por estas datas debeu actuar tamén na Coruña a xulgarmos pola publicación do texto Á Señorita Pírola. Regalo dos meus ouvidos. No seu beneficio, o Diario da Cruña. O poema foi publicado por vez primeira no suplemento La lira galaica do Diario de La Coruña e houbo segunda publicación en 1862 en Galicia. Revista Universal de este Reino

A diva antiescravista

O éxito desta actriz continuou, polo menos, vinte anos máis.

En outubro de 1881 o Diário de Pernambuco publica un anuncio que confirma a presenza da Compañía Lyrica Italiana, que conta coas “celebridades” de Pirola e Clotilde Zanardi, para un contrato de 16 óperas. A compañía chegou en xaneiro de 1882 a Recife despois dunha exitosa xira que a levou do Río da Prata ao Rio de Janeiro.

A primeira actuación tivo que ser supendida, alegando a primadona unha doenza que a mantiña sen voz. Isto provocou un forte altercado co empresario que a insultou e agrediu fisicamente.

Captura de pantalla (29)

A cantora acabou presa e o Diário de Pernambuco publicou un comunicado asinado por ela en 9 de marzo de 1882 en que se deixaba ver claramente a orixe do conflito: os beneficios da función estaban destinados ao Club Abolicionista e ela manifestábase claramente partidaria da extinción da escravatura no Brasil, que non se produciu legalmente até 1888 cou publicación da Lei Áurea.

O 18 de agosto o teatro Santo Antonio ofreceu un espectáculo a favor “da infeliz artista lyrica Magdalena Pirola” co obxecto de recadar diñeiro para lle pagar a viaxe de volta a Europa.

E aí deixamos, polo de agora, esta “infeliz artista”



x