Eduardo Ruíz Pons, o revolucionario total

Eduardo Ruíz Pons, o revolucionario total
Ruiz Pons
Ruiz Pons  
19 de setembro de 1819 nacía en Padrón Eduardo Ruíz Pons. A súa traxectoria vital simboliza a oposición ao proxecto centralizador impulsado polos liberais no século XIX e o rexeitamento das novas formas de opresión introducidas polo modo de produción capitalista.

Hai douscentos anos, falamos do 19 de setembro de 1819, nacía en Padrón Eduardo Ruíz Pons. A súa traxectoria vital simboliza a oposición ao proxecto centralizador impulsado polos liberais no século XIX e o rexeitamento as novas formas de opresión introducidas polo modo de produción capitalista. Aproveitamos o aniversario do seu segundo centenario para recuperar a figura do revolucionario total.

Soubemos del por Francisco Rodríguez. Mentres descubríamos nos nosos anos finais do bacharelato nas páxinas da Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro o carácter patriótico, socialista e feminista da nosa grande escritora nacional,  atopámonos cun deputado nas cortes do bienio progresista comprometido na defensa dos estudantes perseguido por participar no Banquetede Conxo e moi particularmente de Aurelio Aguirre.  

Andando o tempo, coñecemos do seu nacemento en Padrón, fillo de Xosé Ruiz Hermida, un militar rebelde parente da familia de Rosalía, resistente na Coruña ás forzas reaccionarias da Santa Alianza, exiliado en Inglaterra até 1829, con folgos durante a revolución de 1846 para formar no exercito galego e definido  polo propio fillo como “un republicano de antes dos anos trinta”. Non é de sorprender que as vicisitudes políticas e persoais do pai rematasen por marcar a Eduardo  a lume desde moi novo e que na altura da súa chegada a Compostela tivese xa encarreirado o seu vivir rebelde.

Da revolución galega de 1846 ao Banquete de Conxo

Foi un galego enteiro. Militante activo nas filas do provincialismo, así chama hoxe a historiografía aos nacionalistas dos anos centrais do século XIX, partillou amizade e loita con Faraldo, Tarrazo, Rúa Figueroa ou Romero Ortiz, sendo obrigado ao exilio tras a derrota revolta de 1846, aparecendo o seu nome na lista de desterrados acollidos en maio en Caminha e confinados posteriormente no penal da Illa de Peniche. Malia as obrigas profesionais que lle obrigaron a abandonar Galiza , non se desentendeu da sorte do país, protexendo os mozos da xeración de Conxo, acollendo e introducindo nos círculos literarios, canda os Chao e aos Gasset, a unha Rosalía recen chegada a Madrid ou abríndolle a Murguía a porta do xornal demócrata La Discusión.

Eduardo Ruíz Pons mantivo ao longo da súa vida un inquebrantábel compromiso con Galiza

Nunca deixou de exercer como galego. A súa actividade nas cortes ou as súas propostas políticas non deixaron dubida do seu compromiso permanente con Galiza, denunciando “o absorbente sistema de centralización excesiva que hoxe rexe” e demandando “auténticas autonomías políticas e administrativas, sobre a base dos antigos reinos, que imposibilitarán as reaccións e darán unha seguridade até agora descoñecida a todas as conquistas do progreso”.

O exilio francés, italiano e portugués

Actuou sempre como un revolucionario. A súa participación na revolta 1846 e o seu posterior desterro en Portugal, a dirección da revolta de febreiro de 1854 en Zaragoza, un novo exilio, nesta ocasión en Franza, onde permanecerá detido durante corenta días, dando pé a unha campaña de apoio e solidariedade na prensa progresista do Estado. A chegada ao goberno de Espartero posibilitaría o retorno de Ruíz Pons, elixido ao tempo deputado pola Coruña nas cortes constituíntes, onde será un dos vinte e un parlamentarios que vota en a favor da república como forma de goberno, canda aos tamén galegos Eduardo Chao e Xoán Manuel Pereira.

Un galego internacionalista canda Garibaldi

Mantívose inquebrantábel na defensa dos seus ideais. Unha vez derrotado o réxime do bienio, organiza revoltas en Aragón, sufre a persecución gobernativa sendo desterrado a Mallorca, pasa en diferentes ocasións polos xulgados e exiliase, máis unha vez, nesta ocasión en Italia, onde se sumara aos voluntarios de Garibaldi. Asentado en Florencia e Xénova,  colabora co revolucionario italiano, asesórao en temas de política interna do Estado Español, comparte horas co seu vello amigo compostelán Sánchez Deus e toma a palabra en diversos actos dos “camisas vermellas”. Morrerá finalmente en 1865  no desterro de Porto, onde pensaba e preparaba novas revolucións na Galiza.

Patriota, socialista e republicano

Achegounos un corpo doutrinal na avanzada ideolóxica do seu tempo. Republicano confeso e adherido ao socialismo, probabelmente desde os seus anos composteláns, non dubidou en afirmar que “o socialismo aplicado amósanos que o mellor hospital é suprimir a súa necesidade, elevando polo traballo e polo consumo asociado, ás clases pobres a un benestar que fagan innecesaria a esmola baixo calquera forma disfrazada”.

Non dubidada que a cuestión nacional e a social son dúas caras da mesma moeda. Así escribía que “nos antigos reinos, as tendencias federalistas e descentralizadoras responden ao progreso das ideas por unha banda, e por outra á reacción contra a tendencia centralizadora dos gobernos que desde fai cincuenta anos, veñen aumentando as súas atribucións”, reclamando unha formula política que recoñeza a personalidade dos antigos reinos.