CORENTA ANOS DO SEU ASASINATO O 12 DE AGOSTO

Elvira Souto- Lois Ríos “O momento no que matan a Moncho Reboiras é crucial para o nacionalismo”

Elvira Souto- Lois Ríos “O momento no que matan a Moncho Reboiras é crucial para o nacionalismo”

Cando a policía rodea o apartamento de Ferrol no que está naqueles días, Moncho Reboiras atópase no interior con outras dúas persoas, militantes nacionalistas na clandestinidade coma el. Corenta anos despois do seu asasinato, Elvira Souto e Lois Ríos lémbranos aqueles días e debúxannos o retrato dunha das figuras do nacionalismo galego, asasinado o 12 de agosto de 1975.


-Cando teñen o primeiro contacto con Moncho Reboiras?

Lois Ríos: As miñas primeiras lembranzas son de cando estaba en Vigo. Moncho acababa de rematar Enxeñería e despregaba unha intensa actividade de carácter cultural. En colaboración cos cregos progresistas traballaba desde a asociación cultural nun tempo en que todo estaba moi controlado. Tamén facía un labor de proselitismo importante. Estamos a falar dos anos 72 ou 73. Nese momento eu traballaba nunha empresa en Vigo e a partir do contacto con el intégrome na organización, primeiro colaborando, e mesmo aproveitamos a infraestrutura do meu traballo cunhas chaves que consigo para facer octavillas e o propio xornal. Daquela eramos moi novos.

Elvira Souto: No meu caso, eu estaba na Coruña e o Moncho mandouno o partido como responsábel de célula. Pouco despois pasei á clandestinidade e debín de estar ano e pico, até o 75. El traballaba nunha contrata de Telefónica, Intelsa paréceme lembrar, e tiña unha forte actividade sindical, participando na creación do sindicalismo galego xunto con Manuel Mera e outras persoas. Moncho Reboiras era un militante de manual, gran compañeiro, amable, sen intereses egoístas, moi xeneroso...

L.R.: Lémbrome del como unha persoa nada dogmática, moi flexíbel, dialogante, que sempre buscaba alternativas, solucións. Era moi imaxinativo e moi comprometido mais sempre cos pés na terra.

-Que papel tiña entón como ideólogo, na creación doutrinaria dun nacionalismo que se estaba a organizar?

L.R.: Moncho era unha persoa con estudos, que lía moito e sabía de literatura e demais mais ten unha idea clara que é fundamental: organizar o movemento obreiro. Se algo había na altura eran intelectuais e o que facía falta era desenvolver as estruturas populares. Era moi instruído mais non facía ostentación diso. É fundamental, por exemplo, no achegamento da xente da Organización Obreira e de Galiza Socialista porque ven nel un traballador máis. Non é un estudante ao uso. A súa familia tiña un bar en Teis e el entra de novo no mundo do traballo, en Barreras, en Álvarez. Significa a ruptura co piñeirismo, co intelectualismo. Non casa coa imaxe do intelectual senón do traballador e iso foi decisivo.

E.S.: Tiña diferente procedencia e tamén outro comportamento. Non formaba parte do sector de profesionais e intelectuais, tanto por orixe como por adscrición. O nacionalismo vivía desvinculado do mundo das fábricas e iso muda coas folgas de 1972. A xente de Organización Obreira, a combativa escisión de Comisións Obreiras e as xuventudes do PC, teñen contacto co nacionalismo a través de de Reboiras, mais despois, cando o contacto pasa a Ferrín ou Pepiño prodúcese un afastamento, o que foi unha grande perda para o nacionalismo. Este grupo de obreiros manuais, moi curtidos na loita vían en Moncho un deles. Malia ser un individuo con formación académica, identifícase coa loita obreira.

L.R.: Ten unha idea moi clara, o que fai falta é ter movementos organizados. Os individuos teñen que estar en función das organizacións e as organizacións dun obxectivo claro que era acadar a democracia e unha Galiza ceibe e popular, nun programa moi básico. Moncho colaborou moito en todas as publicacións, revistas culturais, follas informativas, no Terra e Tempo... o seu é un papel determinante. Unha persoa tan nova non ten tempo de escribir mais impulsou cantidade de iniciativas. Sempre estabamos facendo cousas, coa vietnamita. Sempre o lembro traballando. O seu papel na creación de voceiros foi fundamental, tiña claro que había que levar as ideas fóra. É, poño por caso, o impulsor do primeiro xornal clandestino obreiro, Xerme.

(A entrevista completa está publicada nas páxinas 8-9-10 do número 157 do semanario Sermos Galiza, ao dispor nos quiosques e tamén na nosa loxa en formato dixital) 

entrevista