ENTREVISTA

Elvira Varela, testemuña viva das Irmandades: "O que hai agora, todo o que hai, é por elas"

Elvira Varela, testemuña viva das Irmandades: "O que hai agora, todo o que hai, é por elas"
Elvira Varela Bao
Elvira Varela Bao  

Ela é unha das nenas que aparecen nos escasos documentos gráficos das mulleres das Irmandades da Fala, “miña nai levábanos sempre con ela a meu irmán e a min. Estabamos en todas as salsas”, salienta. É Elvira Varela, filla de Elvira Bao Maceiras e de Bernardino Varela. Recollemos extractos da conversa que mantivemos con ela e que reproduciremos no A Fondo dedicado ás Irmandades que sairá do prelo esta quinta feira, como suplemento do Sermos196.


Elvira aténdenos na sala da súa vivenda, “este é o meu altar” [sinala en dirección aos andeis ateigados de exemplares de gran valor histórico]. “Colle, colle!” [entréganos un exemplar do Álbum Nós, de Castelao], “é orixinal e está numerado”. “E mira, A man da Santiña, de Ramón Cabanillas, os libretos dedicados a miña nai e a meu pai”. Ela mesma descifra o manuscrito do autor: “A Bernardo Varela, con alma, vida e corazón, seu irmán deica a morte, Cabanillas. Daquela chamábanse entre eles irmáns. E A Elvira, con vivo agradecemento polo cariño con que encarnou a María Rosa”.

"Xenaro Mariñas dicía que se miña nai se dedicase ao teatro, sería unha tráxica como Sarah Bernhardt"

Falamos dos cadros de declamación das Irmandades e da participación de Elvira Bao en representacións teatrais ao longo da Galiza. “Contábame Xenaro Mariñas que querían moitísimo os dous, pero que tiñan devoción pola miña nai, dicían que era unha marabilla como interpretaba, e a paixón que ela poñía. Se se tivese dedicado a iso sería unha tráxica como Sarah Bernhardt, adoitaba comentar”. Tamén lembra O Fidalgo, a obra do “zapateiro poeta” [Xesús San Luis Romero] . “O fidalgo era un personaxe real, por aí de Carballo ou Arteixo. Existía. Foron representar o Fidalgo á vila del. Contaba miña nai que lles cortaron a auga no hotel, cortáronlles a luz no teatro... (ri)”. Refírese tamén á énfase coa que Elvira Bao varría o chan nunha das obras que representaba, “de tanto varrer, e varría de verdade, case afoga a Víctor Casas unha vez”.

Mentres narra detalles das representacións, venlle á cabeza o Mal de moitos (de Charlón Arias) e reprodúceo de memoria, con voz de nena. “Meu irmán e mais eu estabamos metidos en todo. Era o que respirabamos na casa”, salienta. Entre as compañeiras de reparto da súa nai atopábanse as irmás Meléndrez e Carmen Chao Maciñeira.

O nacionalismo e a censura de Vicetto

Preguntámoslle cal é o pouso que deixaron os seus pais no nacionalismo: “O que fixo toda esta xente non ten prezo, pois non había nada. O que hai agora, todo o que hai, é por eles. Eles puxeron os cimentos e de aí se desenvolveu todo”. Elvira é todo memoria. E vitalidade. Levántase do que chama o seu “trono” (o sofá) e colle a Historia de Galicia de Murguía. “Teño tamén a Historia de Galicia de Vicetto que lle censuraron na ditadura de Primo de Rivera porque escribira que o tempo non tiña principio nin fin, que o tempo era eterno. Dixéranlle os censores que Si el dios de usted es el tiempo, yo escupo a ese dios".

A Elvira Bao mestra

Elvira Varela cóntanos que as mulleres de principios do s.XX “estaban a bordar, a zurcir calcetíns... Había pouca xente que estudara, pero miña nai estudou Maxisterio. Quixo estudar Pedagoxía e non puido porque había que ir a Madrid”. “Cando rematou, non tiña idade para presentarse as oposicións e entrou a traballar no Sanatorio (en Oza). No verán viñan colonias de Madrid e Ourense, de sitios nos que non había mar. Eran rapaces, de 14 ou 15 anos, que armaban uns escándalos no comedor... tiraban cos pratos, metíanse coas monxas... Daquela comezou a traballar miña nai. Levaba 18 anos cando a guerra. Total, non lle serviu de nada”.

"María Miramontes e miña nai estaban metidas en todo xuntas"

Preguntámoslle polas Escolas de Insiño Galego de Ánxel Casal e de María Miramontes. Elvira Bao estaba chamada a ser a mestra do grupo de rapazas. “A escola chegou a funcionar pero miña nai non puido dar clase porque nesa época enfermaron os seus pais. Os dous á vez”. Lembra a amizade que unía súa nai con María Miramontes. “Estaban metidas en todo as dúas. Míraa aquí está e aquí [amosa fotos]. Ves? E aquí estamos meu irmán e eu”.

As monxas que se disfrazaban de asistentas do fogar

Falándomos do dereito ao voto das mulleres, Elvira Varela recupera a historia dunha das eleccións nas que súa nai actúa de vogal nunha mesa. “Viviamos en Rubine e en fronte había un convento de monxas. O día das eleccións, miña nai, xa pensando nos embuchados [alguén que vota por outra persoa] levaba unha lista na que escribira os nomes de todas as serventas que traballaban nas casas. Fixera a lista por mediación da rapaza que traballaba na nosa casa”.

Lembra que conforme o servizo doméstico votaba, ela riscaba os nomes. “Descubriu unha monxa agochada tras un cesto e vestida cun mandil. Era unha monxa do convento! Díxolle que non podía votar porque xa exercera o dereito ao voto” e o presidente deulle a razón a miña nai.

A Agrupación Republicana da Coruña

Elvira Bao Maceiras tamén formaba parte da Agrupación Republicana da Coruña, “era un grupo de mulleres que ían contra a guerra. De político tiñan o nome, que eran republicanas e non monárquicas, pero era unha agrupación cultural”. “Lémbrome de ela ter as súas reunións nun piso en Santa Catalina, e estar nós alí, con outros nenos. Mentres elas facían o que tiñan que facer, nós xogabamos cos fillos dos donos da casa. Alí había actividades de solfeo... iso é o que era, unha asociación cultural”.

"Miña nai e Amparo López Jean eran un tándem"

“E claro que defendían os ideais das mulleres, pero era algo cultural. Alí estaban, entre outras mulleres, Amparo López Jean e a miña nai. Eran as que decidían todo, eran un tándem. Por un tempo miña nai era presidenta e Amparo vicepresidenta e viceversa”, engade.

EV3Bernardino Varela e as súas armas

Amais das anécdotas, Elvira Varela lembra os momentos máis duros a respeito “do día dos tiros”. “Ese día estabamos con miña nai no Sanatorio de Oza e alí quedamos, pero meu pai estaba na casa. Dicía que os tiros saían de todas as partes, das garitas do convento das monxas”. “Como viviamos nun cuarto andar, con moi boas vistas, o veciño do primeiro, que era de dereitas, díxolle á garda civil que podían subir á azotea. Non denunciou a meu pai, pero os gardas entraron na casa e preguntáronlle se tiña armas. Meu pai, que tiña moita retranca”, abriu a biblioteca e díxolles estas son as miñas armas, polos libros.

"Estas son as miñas armas, díxolles meu pai aos gardas, sinalando os libros, o día dos tiros"

Elvira salienta a bondade de seu pai: “Mira ti, non tiña maldade ningunha. Cando os gardas baixaban as escaleiras, meu pai lembrouse de que tiña agochado tras a biblioteca, por medo a que o colleramos nós, un caxato de estoque que era de meu avó. Tíñalle moito cariño porque estaba tallado. Levoullo á garda civil e díxolles: Se consideran que isto é arma... Así foi como o levaron”. Bernardino botou 15 días apresado, “xunto á corte dos cabalos, que lle daban couces”.

Rece por su alma”, dicían de Elvira Bao

Aos catro días de liberar a Bernardino, apresaron a Elvira Bao. “Tenemos acusaciones muy graves contra usted: es usted amiga de la mujer del gobernador (Juana Capdevielle) y de la de Mazariegos. Esas eran as acusacións, cando miña nai só coñecera a Juanita nun acto e tomara un té con ela”. A Elvira Bao trasladárona ao cárcere unha noite. “Ela non quería, porque ao ser de noite temía que lle pegasen catro tiros, pero a sorte púxose do seu lado. O chofer que a levaba da comisaría á cadea era amigo de meu pai. Anos despois atopámolo na rúa e deulle unha aperta enorme. Contoulle á miña nai que a policía lle pedira que rezase por su alma”.

A Suárez Ferrín recortáronlles todas as cartas que escribira na noite na que o mataron

A derradeira vontade de Suárez Ferrín non se cumpriu

Das experiencias de Elvira na cadea, a testemuña directa das Irmandades da Fala recupera a padecida por Alfredo Súarez Ferrín, alcalde da Coruña. “O habitáculo no que durmía miña nai estaba separado da capela por un tabique e escoitaba todo. Escoitaba o crego despedir os apresados que ían matar”, afirma.

Suárez Ferrín pasou a súa derradeira noite escribindo. “Cando saíron as mulleres do cuarto no que durmían, miña nai viu unha cesta de vimes, as que se usaban para a roupa do ferro de pasar, ateigada de anaquiños de papel. Recortáranlles todas as cartas. Xa ves, non se cumpriu nin a súa última vontade”.

A liberdade, no interior dunha bóla de pan

Antes de nos transmitir a posta en liberdade da súa nai, Elvira Varela volve dirixirse cara aos andeis da libraría e trae un anaco de madeira entre as mans. É unha peza rectangular co nome de Elvira Bao Maceira labrado. “Era a ficha que lle fixera meu pai para pendurar do cesto da comida que lle levaba ao cárcere a mamá”. Precisamente, dun dos restos de pan que Elvira devolvera xunto aos pratos sucios atopábase o pasaporte que lle daba liberdade.

A bata de mamá seguiu colgada no cuarto de baño mentres ela estaba no cárcere. Ía soa ao baño a coller entre as mans a bata e a cheirala. Faltábame!

“Miña nai por fin conseguira saber quen a denunciara e por que a apresaran. Era por ostentacións dos seus ideais. A denuncia viña do Sanatorio. Un papel agochado nun buraco que lle fixera ao pan que mandaba de volta á casa narraba a noticia. “Meu pai enseguida nos levou a meu irmán e a min ao Sanatorio para que lle chorásemos e lle pregásemos ao administrador pola miña nai. El dicía que non podía facer nada, pero aos tres días, xa estaba fóra”, explícanos. Daqueles tempos, o que máis lembra é o olor da bata da súa nai, “a bata de mamá seguiu colgada no cuarto de baño mentres ela estaba no cárcere. Ía soa ao baño a coller entre as mans a bata e a cheirala. Faltábame!”.

A vida en San Roque de Fóra, na fin da Coruña                            

Após a posta en liberdade de Elvira Bao e dadas as recorrentes visitas da policía á casa situada en Rubine, a familia decidiu deixar o centro da cidade para se mudar a San Roque de Fóra: “Viviamos ao final de todo. Era como a fin de mundo. Estabamos ao lado das cortes dos porcos. Que mal cheiraba alí cando os limpaban... con todo o mexo. Aínda así, en San Roque estabamos ben porque estabamos tranquilos”.

"Meu pai morreu de tristura porque lle mataron todos os seus amigos"

Bernardino e Elvira nunca deixaron de recibir noticias sobre os represaliados. “As viúvas, as mulleres dos apresados... todos viñan á nosa casa porque dicían que Bernardino lles inxectaba optimismo. Bernardino, ponnos unha inxección de optimismo!”. Mais, ao final, Bernardino, do que Elvira garda o carné das Irmandades, morreu de pena. “Meu pai morreu de tristura porque lle mataron todos os seus amigos. Eran persoas de ben... Faleceu de cirrose hipática, pero non bebía. Un litro de viño duraba na casa unha semana. Matárono os desgustos”.

Entre as saias de María Barbeito, Carmen Parga, Pilar Durán, María Miramontes, as irmás Meléndrez, as irmás Chao Maciñeira ou de Amparo López Jean pasou os primeiros anos de infancia de Elvirita, como a chamaban. Os últimos de Bernardino e Elvira Bao foron por conta duns aforros que gardaban para levar os seus fillos a Barcelona, “meus pais tiñan gardados uns cartiños para levarnos a Barcelona, pero estaba esperando a que medraramos un pouco. De Madrid non quería saber nada”. “Eran separatistas”, espeta. “Bueno, bueno, nacionalistas. O deles eran os cataláns, Catalunya, os vascos...”. Eses cartiños déronnos para vivir, comenta Elvira Varela, que lembra seus pais como “persoas íntegras” e que “sempre defenderon as mesmas ideas”. “É imposíbel que lles fixesen mal a ninguén”, salienta.

"Meus pais de Madrid non quería saber nada. Eran separatistas. Bueno, bueno, nacionalistas. O deles eran os cataláns, Catalunya, os vascos..."

Antes de nos despedir, Elvira quere contarnos en que pasa o tempo: tece a ganchillo decenas de figuras de animais e bonecos que adornan a súa sala e a libraría que garda tanta documentación. Gostaría de ter os rascuños das conferencias e actos dos que participou a nai, “cando me vin vivir para aquí busquei por todas as partes, mais non dei con nada diso. Queimárono para evitar problemas”. “Quizais teña información ao respeito La Voz. No seu arquivo apareceu non hai moito un anuncio por palabras de meu pai ofrecéndose a dar cursos de galego. Era xuño do 1936”. Un mes após de se publicar ese anuncio comezaba o terror na casa de Elvirita.  



x