ANÁLISE

O encarceramento de Francisco Rodríguez: unha operación do PSOE contra o nacionalismo

O encarceramento de Francisco Rodríguez: unha operación do PSOE contra o nacionalismo
[Imaxe: Xurxo Lobato] Saúdo de Rodríguez desde o cárcere da Coruña
[Imaxe: Xurxo Lobato] Saúdo de Rodríguez desde o cárcere da Coruña  

O 24 de xullo de 1989 Francisco Rodríguez saía do cárcere da Coruña após cumprir 28 días de prisión acusado da queima dunha bandeira española nunha manifestación que tivera lugar catro anos antes e na que se protestaba contra o retorno á Galiza dos restos de Castelao.


O 27 de xuño de 1989 Francisco Rodríguez era detido sen aviso previo no vello edificio de correos do casco histórico de Santiago de Compostela. A escasos días do remate dunha campaña electoral ao Parlamento europeo na que Rodríguez encabezou a candidatura do BNG, dous policías de paisano, sen identificarse, abalanzáronse sobre o dirixente nacionalista, retorcéronlle o brazo, esposárono á vista dos presentes e conducírono aos calabozos municipais, situados moi perto do lugar da detención.

O día seguinte sería traslado á prisión provincial da Coruña, custodiado por uns axentes da Garda Civil sorprendidos por tratarse da primeira vez que conducían ao cárcere unha persoa sen contar coa documentación correspondente para cumprir unha condena de dous anos, catro meses e un día. O encarceramento significaba para o dirixente nacionalista o retorno a un centro de detención, onde xa estivera confinado durante varios meses a raíz das folgas de Ferrol de 1972, ficando “impresionado de que o cárcere da democracia fose peor que o cárcere dos últimos anos do franquismo”.

O poder xudicial, contra os discrepantes

A sentenza ditada por unha sala da audiencia da Coruña que condenaba a Rodríguez estaba escrita antes de celebrase a vista, acusándoo da queima dunha bandeira española malia que ningunha das testemuñas presentadas chegou a acreditar que participase dos feitos.

A causa comezou a instruírse en 1984, non tardando en ser arquivadas as dilixencias previas por un xulgado compostelán para ser recuperadas dous anos despois, tras o proceso xudicial que seguiu ao boicot por militantes nacionalistas do programa “La clave” no Hostal dos Reis Católicos, nun acto de denuncia contra o emprego partidista e antidemocrático dos medios de comunicación públicos.

Unha maré de solidariedade

A resposta social e a solidariedade popular non se fixo agardar. Así, nas diversas cidades puxéronse en marcha comités de apoio a Francisco Rodríguez, onde participaban militantes nacionalistas, pero tamén persoeiros independentes convencidos do carácter antidemocrático da decisión, sinalándose o de Santiago de Compostela, coordinado por María do Carme García Negro e no que participaban intelectuais e empresarios como o historiador Xusto Beramendi ou o hostaleiro Galeb Jaber, propietario do Hotel Araguaney.

Ao tempo desde Galiza Nova prográmanse diversos actos de denuncia e solidariedade, impulsándose desde o BNG concentración nas proximidades do cárcere da Coruña nas que se ían rotando en función da data afiliados das distintas comarcas do país. Neste contexto destacou o labor desenvolvido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, na altura presidida por Uxío Novoneira, celebrando un recital na Coruña coa participación de ducias de poetas galegos e a elaboración dunha publicación monográfica.

A presión popular derrota o Estado

O aparato do Estado viuse na obriga de ceibar a Francisco Rodríguez premido pola presión popular. As demandas de liberdade para Rodríguez cubriron a práctica totalidade do espectro ideolóxico do país, coa excepción do PSOE instigador e comprometido até o fondo na detención. Así, sumándose ás demandas representantes da xerarquía eclesiástica, como o propio Arcebispo de Compostela, Antonio María Rouco Varela, ou dirixentes do PP, como o futuro presidente do goberno Mariano Raxoi Brei.

Nese contexto os socialistas tentaron buscar unha solución ao problema que tiñan criado, suxeríndolle a Rodríguez, a través dalgúns cualificados dirixentes do BNG, que solicitara o indulto, negándose este de plano na medida en que significaba un recoñecemento de culpabilidade.

Finalmente, o 24 de xullo Francisco Rodríguez é liberado, intervindo nesa mesma tarde noite nun acto político convocado pola UPG para celebrar o seu 25 aniversario, converténdose a manifestación do Día da Patria Galega do día seguinte, prevista nun principio como un grande acto pola liberdade de Rodríguez, nunha grande xornada de homenaxe ao dirixente nacionalista.

Unha operación do PSOE contra o nacionalismo galego

A detención de Francisco Rodríguez explícase no marco de combate do PSOE contra o nacionalismo galego. A consolidación do modelo xurídico e político institucionalizado na constitución de 1978 veu acompañado, particularmente a partir do ciclo aberto após o golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, dun paquete de medidas deseñadas polo aparato do Estado e aplicadas polos gobernos de Felipe González, dirixidas a excluír do taboleiro político aqueles que se negaban a comulgar co réxime herdeiro do franquismo.

As prohibicións gobernativas ás manifestacións do Día da Patria Galega, a expulsión dos deputados nacionalistas do Parlamento de Galiza, o procesamento e detencións de militantes nacionalistas ou a condena a Francisco Rodríguez enténdense nese contexto. Porén, neste último caso súmase a intencionalidade clara de paralizar o ciclo ascendente no que se atopaba o BNG desde as eleccións municipais de 1987 e a vontade de criminalizar e ilegalizar toda unha corrente política da que Rodríguez era un representante destacado.