Erundino Vieito, un nacionalista na guerrilla antifascista

Erundino Vieito, un nacionalista na guerrilla antifascista
Erundino Vieito Baña
Erundino Vieito Baña  

Vieito-Baña-ErundinoSoubemos del por Avelino Pousa Antelo, aquel irmán na loita que non deixou de lembralo. Atopámolo despois combatendo co Batallón Galiza nas grandes batallas que este corpo de voluntarios nosos librou en Asturias contra o exercito franquista. E así seguiu nunha clandestinidade imposta de pelexa insubornábel contra o fascismo até que desapareceu para sempre.

Chamábase Erundino Vieito Baña e facía parte da organización local do Partido Galeguista na Barcala. Nado en Lañas, no concello da Baña, en 1909, valeuse como labrego e carpinteiro mentres participaba na “Xuntanza Cultural Barcalesa”, entidade agraria, deportiva e cultural conformada por asociados da Baña e Negreira, que o 30 de abril de 1936 acorda adherirse ao Partido Galeguista.

Incorporado á militancia nacionalista, formou na primeira e última dirección local desta forza política a carón de Baldomero Manteiga, Casimiro Barreiro, Xoán Manteiga, Manuel Fernández, Anxo Barreiro, Saturnino Ferrín, Severo Manteiga, Xesús Cancela, Roxelio Pensado, Xosé Suárez, Xerardo Ribeiro, Urbano López e Agustín Seoane, sempre baixo o liderado e orientación de Avelino Pousa Antelo.

Participou na resistencia ao golpe fascista de xullo de 1936. Recibidas as primeiras informacións do alzamento militar, a militancia nacionalista da Barcala tentou dar resposta á situación organizando grupos de voluntarios que procederon a requisa de armas nas localidades conforme ás orientacións procedentes do Goberno Civil.

Ao tempo, armados con algún daquel material, dislocáronse primeiro a Negreira e despois a Santiago de Compostela para defender a legalidade republicana, rematando aquela aventura á par que a resistencia era vencida. Erundino Vieito, canda outros afiliados do Galeguista na Barcala como Ramiro Pensado, Casimiro Barreiro ou os irmáns Pousa Antelo, non tardou en ser procesado por auxilio a rebelión, séndolle sobresaída a causa a cambio de alistarse como voluntario no exército sublevado.

En Asturias

Foi un dos moitos heroes que o Batallón Galiza achegou á causa antifascista na fronte norte. Incorporado ao Batallón nº 8 de Zapadores da Coruña, será destinado á fronte de Asturias, pasándose ao pouco tempo da súa chegada ao exército popular e incorporándose ao Batallón Galiza, unidade militar formada por antifascistas galegos, participando nos combates en Grullos, Cogollos e Colloto como responsábel dunha batería de artillería ou na malfada operación lanzada o 1 de agosto de 1937 sobre La Manga en Cimero.

Unha vez que Asturias é tomada polos franquistas, é detido en Pola de Allande, xa na Galiza estremeira, o 10 de novembro de 1937, xunto a outros compatriotas que pretendían volver ao país tras a derrota dos antifascistas, sendo confinado no campo de concentración de Candás, lugar do concello asturiano de Carreño situado perto de Xixón, no que son recluídos nun primeiro momento os presos do exército popular.

O final

Hai setenta anos perdemos para sempre o rastro de Erundino Vieito Baña. O 4 de febreiro de 1938, mentres agardaba pola sentenza dun proceso que o ía condenar a pena de morte en rebeldía, foxe do campo de concentración de Candás, regresando clandestinamente a Galiza, onde permanecerá agochado na súa casa familiar de Lañas durante dez anos. Ao longo dos once anos seguintes, nun contexto duramente represivo que levará en diferentes ocasións a varios membros da súa familia a cadea, manterá intacto o seu compromiso democrático, actuando como enlace de diversas estruturas das agrupacións guerrilleiras galegas.

O 5 de marzo de 1949 saíu da súa casa en dirección á veciña parroquia de Zas en Negreira para acudir a unha cita de seguridade con membros do destacamento Manuel Bello da IV Agrupación, non chegando a ligar con eles segundo información achegada por Manuel Ramiro, o único guerrilleiro que saíu con vida do combate. Probabelmente, o seu final sería semellante ao de Carme Temprano, Xosé María Castelo, Viñente Peña, Manuel Pena e Manuela Teiga, as persoas coas que se ía reunir e mortos nesa data nun enfrontamento armado coas forzas da orde.