JOSÉ MARÍA “CHATO” GALANTE, TORTURADO NO FRANQUISMO

“O español é o único Estado do mundo cunha lei de amnistía de carácter preventivo”

“O español é o único Estado do mundo cunha lei de amnistía de carácter preventivo”
Chato Galante
Chato Galante  

José María “Chato” Galante, torturado nos últimos anos do franquismo, visitou Galiza na procura de tender pontes co movemento memorialístico galego e lograr que se sume á CeAQUA, a coordinadora estatal de apoio á querela arxentina contra os crimes do franquismo. Na visita estivo acompañado por Miguel Ángel Gómez, “Gus”, que acaba de lograr que a titular do xulgado 49 de Praza de Castilla, de Madrid, incoe dilixencias por “presuntos delitos de lesa humanidade” contra varios policías da ditadura, entre eles Antonio González Pacheco, “Billy el Niño”, que someteu a torturas a ambos. Eis un extracto da entrevista publicada no número 341 de Sermos Galiza.


6Foi produtiva a visita a Galiza?

Moito. Queriamos estabelecer relación coa rede memorialística galega, que é moi potente, para constituír unha rede de redes que dea pulo ao dereito á xustiza que temos as vítimas da ditadura franquista, e marcho moi contento co que vivín e co traballo que se está a facer.

Na súa loita acaba de haber avances significativos, como a admisión da querela de Miguel Ángel Gómez.

Si. Xa se admitiron tres querelas, a de “Gus”, a de Rivas Vaciamadrid e a de Valencia, na que o xuíz, sen compartir para nada a nosa ideoloxía, dixo que estaba moralmente obrigado a darlle trámite. E eu agardo que se multipliquen. Sabemos que non é doado pero algo se pode facer. Cando puxemos a primeira querela dixéronnos que estabamos tolos e agora, cando “Gus” presentou a súa, a xuíza iniciou as dilixencias en tres días. Tiña claro o que estaba obrigada a facer.

Confían en que o Estado español lles dea amparo?

Eu teño bastante claro que acabaremos no Tribunal dos Dereitos Humanos pero temos que facer o camiño desde aquí. A querela arxentina tiña que volver a España. Hai xuíces que queren facer xustiza, admitirán as querelas e xa non será o conflito dun particular, senón un conflito entre xulgados con distintas aplicacións dos principios de xustiza universal. España é o único país do mundo onde non se aplica. Esíxese verdade, xustiza e reparación e nós temos amnesia, esquecemento e unha reconciliación baseada na supresión da investigacións dos crimes, na protección dos criminais e na invisibilidade das vítimas.

No movemento memorialístico galego ten moito peso a procura de reparación para as vítimas do 36. Neses casos en que xa non se pode sentar ninguén na bancada, que se acadaría coa querela?

A querela obriga a xudicializar o proceso. Non podes xulgar quen cometeu os feitos pero podes abrir a investigación, solicitar a apertura de foxas por vía xudicial, determinar que foi o que pasou, e fixar as reparacións. Nós agardamos que familias e concellos as presenten para ir derrubando o muro da impunidade. Ademais, na Galiza houbo tamén unha represión moi forte no tardofranquismo contra o movemento sindical, e ese xuízo está sen abrir.

Fala de reparacións. Non teme que ir na procura das restitucións económicas dos bens incautados poida ser un hándicap?

En Alemaña existe unha lexislación para compensar o traballo escravo. Estabelecéronse en toda Europa en base aos principios do Pacto Internacional de Nuremberg para compensar economicamente os presos e as súas familias. E aquí hai empresas do IBEX 35 que seguen tendo entre os seus activos saltos de auga feitos con man de obra escrava. Ou portos, ou estradas. Indígname que se poidan salvar bancos e non compensar obras que se fixeron condenando a morte moitos presos para beneficiar a construtoras, eléctricas ou igrexa. Din que o aceptaban eles para redimir penas pero nos anos 40 a única posibilidade que tiñan de non morrer de fame era que os mantivesen en condicións de traballar. Non era por redimir, era por instinto de supervivencia.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x