As estatuas do Mestre Mateo en mans dos Franco, declaradas Ben de Interese Cultural

As estatuas do Mestre Mateo en mans dos Franco, declaradas Ben de Interese Cultural
Vista xeral da exposición sobre o Mestre Mateo o pasado ano en Compostela. As estatuas de Abraham e Isaac atópanse en primeiro termo a dereita e esquerda respectivamente. Foto: Museo da Catedral.
Vista xeral da exposición sobre o Mestre Mateo o pasado ano en Compostela. As estatuas de Abraham e Isaac atópanse en primeiro termo a dereita e esquerda respectivamente. Foto: Museo da Catedral.  
As nove estatuas da desparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago, atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu obradoiro veñen de ser declaradas Ben de Interese Cultural. Así o publicou este 4 de setembro a Consellaría de Cultura no Diario Oficial de Galiza. Entre as esculturas atópanse as dúas pezas en mans da familia Franco que reclama o Concello de Compostela.

A declaración non supón ningunha mudanza na propiedade, pero implica que os propietarios deberán habilitar visitas públicas aos bens catro días ao mes durante catro horas por xornada como mínimo. Estas obrigas non sempre se cumpren, como sucede co Pazo de Meirás, tamén Ben de Interese Cultural e para o que os Franco empregan todo tipo de estrataxemas de dificultación de entrada.

En todo caso, os propietarios dos BIC tamén deberán comunicar ao Goberno galego traslado, calquera “pretensión de transmisión onerosa da propiedade” ou “calquera dano ou prexuízo que altere de forma significativa o seu valor cultural”.

Para soster a declaración, a Xunta apoiouse en informes da Real Academia de Belas Artes, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Máis alá das dúas pezas da familia Franco -que representan Abraham e Isaac ou Xeremías e Ezequiel, respectivamente: hai debate sobre as identidades-, o decreto afecta a outras sete esculturas do Mestre Mateo que se atopan no Museo da Catedral compostelá e no Museo de Pontevedra. Realizadas entre o século XII e XIII, figuraban na fachada exterior do Obradoiro que cubría o Pórtico da Gloria.