LIBRO DE MARTÍN FERNÁNDEZ CALO

Sobre as estruturas políticas da Gallaecia

Sobre as estruturas políticas da Gallaecia
Mapa da Gallaecia. Imaxe: Wikipedia.
Mapa da Gallaecia. Imaxe: Wikipedia.  

Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia. Séculos II A. C. - VIII D. C. é o libro que presentará esta quinta feira, 13 de xuño, Martín Fernández Calo. En palabras do arqueólogo Francisco Calo Lourido, “un magnífico ensaio con voación globalizadora, dunha madurez infrecuente nun investigador que está comezando a súa carreira científica”.


O acto será ás oito do serán no centro social A Gentalha do Pichel de Santiago de Compostela. A obra, publicada pola editorial Blukk, está organizada en 11 capítulos, dos Pobos galaicos á Organización tardo-visigoda, pasando pola Expansión romana, a Baixa Romanidade ou o Reino Suevo-Católico.

Segundo o profesor de historia antiga da Universidade de Salamanca Pablo C. Díaz, “o traballo de Fernández Calo propón recuperar unha idea de unidade estrutural imprescindíbel para valorar as transformacións e entender a conformación da sociedade galega alto-medieval”. A perspectiva diacrónica ampla que emprega o investigador, engade, contribúe a ese propósito.