A GALIZA IGNORADA

Exeria, a viaxeira galega do século IV

Exeria, a viaxeira galega do século IV

Fai parte daquela xeración de ouro que alumeou o espertar cultural galego nas centurias do baixo Imperio. Os diarios de Exeria achégannos unha visión case única do mundo naquel tempo de mudanza e preséntanos unha muller libre e culta, impugnado o papel que aquela sociedade lle tiña reservada ás do seu xénero. A escritora viaxeira e rebelde é a expresión dunha Galiza que camiñaba pola rota do progreso. Eis un extracto da peza, publicada no número 322 de Sermos Galiza.


1É un dos grandes vultos daquela xeración de xigantes que impulsaron o noso espertar cultural nos albores da Idade Antiga. Primeiro, Prisciliano, á cabeza dun grande movemento popular que apostaba por un cristianismo desligado do poder, axeitado á realidade do país, comprometido cos sectores máis desfavorecidos, significado coa causa das mulleres e que morreu decapitado en Treveris no 385. Despois Paulo Orosio, o grande historiador occidental dos séculos IV e V, autor da primeira crónica universal de orientación cristiá, amigo e discípulo de Agostiño de Hipona e de Xerónimo Estridón e un dos máis influentes intelectuais europeos. Tamén Idacio, o galego da Limia e bispo de Chaves, martelo de priscilianistas, inimigo dos suevos asentados na Galiza e escritor da máis importante historia da península dos tempos iniciais da Idade Media. E por suposto, os Avitos, aqueles monxes viaxeiros de Braga e Baquiario, o pensador exiliado, a viaxar Occidente, África e Oriente para erguer o monacato e sempre Exeria.

O desenvolvemento cultural de Galiza nas centurias finais da Idade Antiga obrigan a unha revisión do papel do noso país naquel tempo histórico. A floración dunha xeración de intelectuais nados e formados na Galiza como a que vimos de referir só se explica nun contexto de relativo progreso material, favorecido no caso galaico pola crise que se abre no imperio romano á volta do século III. As consecuencias desta convulsión serán desiguais no imperio até o punto de que unha parte da historiografía está a revisar a tradicional visión negativa do momento, sinalando a dinámica positiva que se constata naquelas zonas máis desligadas do centro. A debilidade do poder central provocou toda unha serie de transformacións estruturais con consecuencias positivas para o conxunto da área galega, da que son unha expresión o maior espallamento das “villae” e a súa nova función como centros económicos non orientados cara á exportación, cunha tendencia a iren criando o seu propio espazo xurisdicional, que se vai evadindo do control imperial, e a gañaren independencia.

A biografía de Exeria segue a estar chea de sombras. A información que nos achega na súa propia obra e particularmente os escritos do século VII de Valerio do Bierzo sitúan o seu lugar de nacemento e residencia “nas ribeiras máis afastadas do océano occidental”, aceitando a maioría da historiografía a súa orixe galega. As dificultades de orde económica que implicaba realizar unha viaxe como a narrada e os dados da súa propia man fornecidos na crónica deixan poucas dúbidas da súa pertenza á oligarquía da época. Viaxa acompañada dun séquito propio, desprázase con medios de trasporte custosos como o barco, o carro, o cabalo, emprega o cursus publicus, isto é, a rede de transporte oficial do imperio, e é recibida polos bispos e gobernadores dos lugares que visita. A maior parte dos autores considérana como membro dunha comunidade relixiosa, acudindo aos escritos de Valerio do Bierzo e ao tratamento de irmás empregado para as destinatarias dos seus escritos. Porén, unha parte da historiografía nega a súa condición de monxa, argumentando a súa liberdade para facer unha peregrinación tan longa e para trocar os seus plans durante a viaxe e o alto custo do seu peregrinar.

[Podes ler a peza íntegra no número 322 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x