O exilio galego do século XV

O exilio galego do século XV
Copia dun lenzo que representa a Pedro Pardo de Cela no Castelo da Frouxeira.
Copia dun lenzo que representa a Pedro Pardo de Cela no Castelo da Frouxeira.  
Abonda con reparar na represión que seguiu á revolución galega da segunda metade do século XV para caer na conta do alcance da mesma. O uso indiscriminado do terror contra a poboación, botando man de tropas mercenarias francesas, ou o exilio en Portugal e en Bretaña de miles de compatriotas son exemplos significativos da dimensión desta revolta. Achegamos aquí a crónica dos exilios galegos do século XV. Eis un extracto da peza, publicada no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.

m6_FS_ExilioSeculoXVAs décadas finais do século XV serán testemuño dos derradeiros capítulos da resistencia galega á incorporación subordinada do país á Coroa de Castela. Estamos no remate dun proceso político iniciado á volta de 1230 coa anexión da Galiza a Castela, na persoa do Fernando III, violentando o disposto no testamento do seu pai Afonso VIII e a posición das clases dirixentes do país, e que terá continuidade ao longo do século XIV, após as sucesivas derrotas do partido galego, encabezado por Fernando de Castro e a morte deste no exilio en Baiona por Xoán Andeiro.

A derrota militar da rebelión galega nas décadas finais do século XV, onde Pardo de Cela, Pedro Madruga ou os Condes de Lemos acadaron o papel de símbolos, deixa Galiza fanada e presa na roda colonial.

A oposición á política centralizadora dos Reis Católicos Galiza non entrou vencida no século XV. A decadencia política, económica e cultural iniciada a finais do século XIII, a perda de influencia no espazo ibérico e europeo e o xurdimento dun novo núcleo de poder conformado arredor da oligarquía castelá‑andaluza non impediron que o noso país seguise contando con amplas cotas de liberdade. Malia a derrota da revolución galega do século XIV e as súas consecuencias dramáticas para o país, o propio cronista dos Reis Católicos Hernando Pérez del Pulgar recoñece que ao longo do século XV Galiza escapou ao control da Coroa, afirmando que “nin o rei Henrique, irmán da raíña, nin menos o rei don Xoán, seu pai, puideron subxugar aquel reino”.

Mesmamente, até a aplicación das disposicións gobernativas dos Reis Católicos, o control da orde pública ou a recadación dos tributos dependía dunha clase dirixente autóctona que seguía a manter importantes propiedades ou vínculos de parentesco con Portugal. Explícase neste contexto a existencia dunha corrente de opinión maioritaria no conxunto das capas sociais galegas, que seguían a defender un papel distinto do país, unhas veces apostando nunha función directora no reino dos Trastámara e outras xogando decididamente a carta da unidade con Portugal.

A unificación da Galiza con Portugal

A rebelión galega do século XV significa a oposición das nosas clases dirixentes á política centralizadora dos Reis Católicos. As sostidas loitas, nas que acadan a categoría de símbolos, de Pedro Pardo de Cela, Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Álvarez de Osorio e o seu neto Rodrigo de Castro, con diferentes concrecións prácticas, partillan o común denominador de enfrontarse ao proxecto regresivo no nacional e no social representado por Isabel e Fernando, pero tamén na defensa do reino da Galiza como entidade de seu, resistente fronte á absorción que supoñía a imposición do autoritarismo monárquico.

[Podes ler a información íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]