ESIXEN A FEIXOO QUE IMPIDA CELEBRAR O SAMAÍN NA ILLA

Familiares de vítimas, contra converter San Simón en “parque de atraccións”

Familiares de vítimas, contra converter San Simón en “parque de atraccións”
Familiares de vítimas do fascismo e activistas da memoria este 29 de outubro en San Adrián de Cobres. Foto: Iniciativa Galega pola Memoria.
Familiares de vítimas do fascismo e activistas da memoria este 29 de outubro en San Adrián de Cobres. Foto: Iniciativa Galega pola Memoria.  
Entre 1936 e 1943, a illa de San Simón, na ría de Vigo, foi un campo de concentración fascista. Por el pasaron arredor de 6.000 persoas, republicanas, galeguistas, anarquistas, comunistas, socialistas. Ese é o escenario elixido pola empresa navieira Nabia para celebrar, con permiso do Goberno galego, a noite de Samaín este 31 de outubro. Familiares de represaliadas amosaron o seu rexeitamento e esixen a Feixoo que impida a festa.

“Cando sexades maiores e fagades unha visita a esta illa, non como eu a fixen, á forza e coas mans atadas, senón en plena liberdade, lembrade que alí estivo o voso pai. Que cada recuncho desta illa é unha lembranza miña”. Este fragmento, orixinalmente escrito en castelán, fai parte da carta que José Mejuto escribiu á familia desde San Simón. Alí foi fusilado o 27 de xullo de 1937. A actriz Mónica Camaño leu íntegra a misiva no acto en protesta contra o Samaín en San Simón convocado esta terza feira pola Iniciativa Galega pola Memoria en San Adrián de Cobres.

Ademais de Camaño, interviñeron Carlos Casal, cuxos tío e avó padeceron a represión na illa, e Enriqueta Otero, filla do socialista Eduardo Otero Molas, preso no lugar. Adheriuse o xornalista Fernando Salgado Varela: o seu avó Pancho Varela estivo en San Simón antes de ser fusilado en Pontevedra na mesma data que Mejuto.

“É unha profanación dun espazo simbólico da memoria democrática, dun lugar que supuxo sufrimento, dor e terror e que agora é utilizado como escenario para unha festa frívola que se publicita, nunha sorte de mofa, como unha experiencia divertida de medo e terror”, afirmaron os colectivos de memoria e as familias, “unha festa de disfraces que supón para nós unha indecente e insultante banalización do mal”.

cartaz samaín san simónA neta de José Mejuto, Ana Paula Mejuto, remitiu un escrito desde Bos Aires (Arxentina) en que cualifica de “ofensa” que a Xunta permita a unha empresa privada realizar festas na illa. “San Simón debe ser lugar de reflexión e de memoria. Debe ser lugar da dignidade e honra aos que llas sacaron e padeceron tormentos inimaxinábeis”, di, “cando se propoñen este tipo de actividades ficamos perplexas. Despois de todo o que se sabe que sucedeu alí alguén propón 'unha divertida noite de terror”.

As entidades convocantes do acto lembraron que a illa de San Simón, ademais de espazo da memoria, é “Ben de Interese Cultural convertido nun parque de atraccións explotado por compañías privadas para facer negocio. Un espazo onde ten cabida todo tipo de actividades agás, xustamente, as de memoria histórica”. Durante os anos do Goberno bipartito de PSdeG e BNG -2005-2009-, a illa acolleu un centro dedicado a reconstruír o que alí aconteceu, inmediatamente desmantelado coa chegada do PP á Xunta.

Ana Paula Mejuto denuncia ademais a idea que “das vítimas, as súas familias e o lugar” ten o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, “reflectida no tipo do cartaz [do evento de Samaín] con pantasmiñas e risos infantís”. “Lonxe, moi lonxe está a súa intención, como home de cultura, de promover o coñecemento e a reflexión para que nunca suceda o que sucedeu”.

Os colectivos da memoria tamén avisaron de que, anule ou non a Xunta o Samaín deste 31 de outubro, seguirán a traballar para que San Simón sexa “illa da memoria, cunha programación de carácter público centrada na memoria histórica democrática e un plan de usos para evitar actividades ofensivas para as vítimas do franquismo e as súas familias”.

Nota: o cartaz da festa de Samaín convocada en San Simón para este 31 de outubro.