FRANCISCO MARTÍNEZ, QUICO

“O fascismo non foi derrotado como ideoloxía en ningunha parte”

“O fascismo non foi derrotado como ideoloxía en ningunha parte”
[Imaxe: Xosé Luis Fernández Rivera] Francisco Martínez, Quico
[Imaxe: Xosé Luis Fernández Rivera] Francisco Martínez, Quico  

Francisco Martínez, Quico (Cabanas Raras, O Bierzo, 1925) é o único membro vivo da Federación de Guerrillas de Galiza e León. Entrevistamos o que foi dirixente guerrilleiro durante máis de cinco anos aproveitando a súa recente visita a Galiza, onde participou en diversos actos de restauración da memoria antifranquista.


2Que queda en Quico do guerrilleiro que se enfrontou con todas as consecuencias ao fascismo?

Queda o esencial, que non renunciei ás conviccións e o que fago é para levar esas conviccións adiante.

Que é ser hoxe comunista?

É para algúns a reivindicación da súa identidade, por exemplo, a miña, e outros ao mellor teñen outro punto de vista porque vivimos nun contexto diferente. A interpretación que podería ter un mozo coma min aos 15 ou 20 anos é diferente da que ten un mozo hoxe porque o mundo cambiou. Non hai as mesmas motivacións e entón o superficial non che dá a convición. É conxuntural a opción comunista como un obxectivo a longo prazo e como unha utopía que ao mesmo tempo te forma como queres ser e como queres que sexa a sociedade.

E que significa para a loita antifranquista a Federación de Guerrillas de Galiza?

Moito, porque a pesar de non ter estado nas primeiras páxinas da historia como modelo foi xustamente o dispositivo fundamental para concibir o movemento guerrilleiro como movemento e non como un instrumento de partido. É unha cultura totalmente diferente. Non se creou desde un partido ou desde un proxecto. Alí foi a espontaneidade a que aglutinou todos os pensamentos progresistas ao redor da loita armada polas circunstancias do propio inimigo.

O que será o modelo guerrilla-vangarda, que se imporá nos anos sesenta, a partir da experiencia cubana ten un antecedente na cultura política da federación?

Debería selo pero seguramente non o foi en moitos lugares. A data de caducidade é anterior. Non puido desenvolverse como proxecto porque fomos derrotados pero a federación foi o proxecto da Fronte Popular, identificada polas diferentes correntes e espontaneamente feita por ese pobo, que era a imaxe natural do que o pobo votara no 36, era a vontade do pobo. Non prosperou porque quedou confinada nunha parte do país e despois son outros factores que minimizaron esa experiencia ao redor dun proxecto tamén guerrilla e de loita armada que non era o mesmo. Eu pertencía aos dous.

En relación a iso, que variábeis novas e de ruptura coa federación introduce a tradición do Exército Guerrilleiro de Galiza e o modelo de agrupacións?

Hai unha loita pola hexemonía, pero non hai ruptura porque fomos compañeiros até o último momento. O noso compañeirismo e o noso proxecto era unha visión común, mais os medios de facer pública a cuestión supuxo unha separación de opinións nun momento no que o antifranquismo está mediatizado entre quen cremos que hai que resistir e outros que quizais eran máis intelixentes –aínda que para nós daquela traizoaban a causa– e que optaron por unha vía con xuízos máis axustados á realidade e que dixeron que non se podía reconducir a loita armada. Eu atopeinos máis tarde e tivemos discusións entre irmáns moi fortes, ningún tiñamos razón porque todos estabamos condenados ao fracaso. A eles enganáronnos pensando que había unha solución pacífica, ninguén os apoiou, e cando pasan ao estranxeiro tanto ao Gafas como ao Ríos como a outros deixáronos no esquecemento como me deixaron a min no Partido Comunista. Os pobos sofren as consecuencias de que, desde determinados aparatos, manexan cuestións nas que non acertan, mais non admiten que non acertan. Fomos todos vítimas dese tipo de operacións.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 328 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]