O feminismo homenaxea as mulleres que hai 101 anos prenderon a Revolta das Pedradas en Narón

O feminismo homenaxea as mulleres que hai 101 anos prenderon a Revolta das Pedradas en Narón
Traballadoras de Xuvia 1919
Traballadoras de Xuvia 1919  

Este cuarta feira, 6 de marzo ás 11:30 na feira de Sedes, no monumento á Revolta de 1918.


Galegas 8M Ferrolterra e a Comisión Revolta Popular Marzo1918 organizan esta cuarta feira unha homenaxe ás mulleres que iniciaron e protagonizaron a revolta de 1918 en Xuvia e que se estendeu pola comarca.

A revolta sucedeu no contexto da I Guerra Mundial. “O estado español quere aproveitar o contexto e vende trigo e outras materias primas aos países en conflito desabastecendo mercados internos. En Galiza proliferan “acaparadores” subindo abusivamente os prezos de produtos de primeira necesidade e é neste contexto que o gobernador da Coruña prohíbe a saída de trigo cara Ferrolterra polo que perigan postos de traballo e case non se pode adquirir mesmo pan”, explican no manifesto que se vai ler esta cuarta feira.

200px-Monumento_Revolta_das_Pedradas_Sedes_Narón_Trasancos

As protestas prenderon na feira de Xuvia e nas vilas de Neda e Narón os días 8 e 9 de marzo de 1918, encabezadas por mulleres. Dúas mulleres, Josefa Noval Luaces e Rosa Tenreiro Ameijeiras, remataron feridas de bala. A faísca xa se convertera en incendio. Mulleres organizadas decidiron cortar o subministro de materias a Ferrol. As protestas derivaron en apedramento de negocios de acaparadores e especuladores -de aí o nome popular dos sucedidos: a Revolta das Pedradas-. A bisbarra, de novo coas mulleres en primeira liña, xúntase a marchas e accións reivindicativas. O día 13, na feira de Sebes, a Garda Civil e tropas de infantería e cabaleiría, ás ordes do tenente Pedro Alcaide, disolven as multitudes. Houbo polo menos cinco mortos, entre eles Francisco Delgado Vilanova, Valentín Muíño, Manuel Romero Romero e María González e Fernández

“A revolta durará todo o e serán detidas mulleres que se lles condenará por “rebelión” con xuízos militares inxustos, elas baixo o lema “Temos fame! Abaixo os acaparadores” maniféstanse en Ferrol e todos os recunchos da comarca: asaltos dos trens en Fene con centos de mulleres deitadas nas vías do tren, comisión de mulleres en todas as vilas, apoio dos asteleiros e arsenal de Ferrol e Fene, folgas, mítines masivos e solidariedade, moita solidariedade. O eco chegou a media Europa e outras revoltas de mulleres teñen lugares en sitios como A Coruña, Vigo, Escairón baixo o lema “Aquí bastamos Nós!”.


Un monumento será erguido en 1933 en Sedes, onde un día 13 de feira caerán abatidas sete persoas por disparos da Infatería e Garda civil, pagado a través dunha colecta popular mais o fascismo tirarao en 1936. O monumento foi reinstaurado o ano pasado grazas ao compromiso veciñal.

Monográfico De Nós

O primeiro número do monográfico De Nós, editado por Sermos Galiza S.A., Rebeldía galega contra a inxustiza Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo, realiza un percorrido polos masacres máis significativos que tiveron lugar o século pasado na Galiza.  Comeza con “As mortes no Campo da Porta”, sobre os feitos decorridos en 1894 na parroquia pontevedresa de Salcedo e asinado polo historiador Xosé Álvarez Castro; continúa con “Que se vaian todos! Conflito, loita e morte en Oseira”, do investigador Xosé Ramón Ermida Meilán, que fala do masacre de 1909 e con “Os mártires de Nebra: cans, 1916”, do historiador Eliseo Fernández. Tamén recolle “Transancos, marzo 1918: revolta popular coas mulleres na vangarda”, un traballo asinado polo historiador Francisco Rodríguez Sánchez;  “As mártires de Sofán. Algo máis que atavismo”, do historiador Xan Fraga, e “Sobredo: paz, xustiza e traballo”, de Xosé Manuel Suárez Estévez, historiador e membro do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo. Fechan o monográfico o investigador Antón Capelán Rei, que afonda na repercusión que todos estes sucesos tiveron no ámbito literario e artístico, onde destacaron, polos seus traballos, Ramón Cabanillas e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e a historiadora Lucía Veciño Souto, cunha peza sobre o papel das mulleres nas revoltas agrarias.